jueves, febrero 19, 2009

Estreo da venda de entradas por internet na obra de teatro deste venres en Tui

Xulio Lago ponse ao fronte dun amplo elenco de actores galegos para dar vida a “Unha primavera para Aldara”, a última montaxe de Teatro do Atlántico que este venres chega a Tui. A cita será ás 21.30h no Teatro Municipal. Esta obra de teatro contemporáneo foi escrita por Teresa Moure, e recibiu por unanimidade do xurado, o XIII Premio Rafael Dieste, convocado pola Deputación Provincial da Coruña. Nesta proposta hai espazo para o drama, a comedia, a traxedia, o teatro “costumista”, e moitas outras cousas… que fan que o espectador teña alerta todos os sentidos, para gozar dunha peza fascinante.“Unha primavera para Aldara” transcorre en tempos da Revolta Irmandiña no Mosteiro de Santa María. As monxas, que están a pasar por un momento difícil no que atinxe a súa subsistencia, vense amais debaténdose entre as regras da orde a misericordia. Todo ante a chegada dun cabaleiro, ferido na batalla, que pide asilo no mosteiro. María Bouzas, Pilar Pereira, María Barcala, Belén Constenla, Marcos Correa, Josi Lage, Lucía Regueiro, Amparo Malo, Agustín Vega e Xoán C. Mejuto son os actores que dan vida a estra peza teatral. Teatro do Atlántico fundouse en 1985, sendo unha das compañías de máis longa traxectoria da escena galega. Neste tempo teñen producido 24 espectáculos a partir de textos dos máis importantes dramaturgos do teatro contemporáneo. Galicia é o marco fundamental da súa actividade, aínda que tamén teñen realizado xiras por toda España, en Portugal, Arxentina, Uruguai e Venezuela, participando en diversos festivais nacionais e internacionais, presentando os seus espectáculos sempre en lingua galega. Na súa traxectoria figuran numerosos premios ao mellor espectáculo, mellor actor e mellor actriz principal e secundario, mellor dirección ou mellor escenografía. As entradas teñen un prezo de 5€ , 3€ con desconto e 2 para os menores de 12 anos, e coma novidade dende esta semana xa se poden mercar por internet en www.culturatui.info, ou o venres dende ás 20h no despacho de billetes do Teatro Municipal.