lunes, octubre 24, 2011

Xornadas de conciencia ecolóxica en Salceda


 As IV Xornadas de Conciencia Ecolóxica celebradas os pasados 22 e 23 de outubro en Salceda de Caselas obtiveron un éxito moderado para os socios da Treze-Catorze, Asociación Ecoloxista organizadora das Xornadas. “Cada ano acude máis xente ás Xornadas, tanto do noso pobo como dos concellos próximos”, afirma un vogal da asociación. A novidade deste ano foi o apadriñamento dun treito do río Caselas e a realización da primeira das análises periódicas que a asociación fará de aquí en diante. A Asociación conclúe que hai “boa calidade de augas no río, mais unha perda importante de biodiversidade no bosque de ribeira, destacando na flora a forte presenza de especies alóctonas invasoras”. Ao longo da fin de semana pasaron preto de duascentas persoas polo auditorio municipal.

miércoles, octubre 19, 2011

IV Xornadas de Conciencia Ecolóxica en Salceda

Os vindeiros 22 e 23 de outubro no auditorio municipal de Salceda de Caselas celebraranse as IV Xornadas de Conciencia Ecolóxica. A Asociación Ecoloxista Treze-Catorze, organizadora das catro edicións, bota man da experiencia e ofrece conferencias sobre pinturas ecolóxicas, o tratamento do solo na agricultura e a función das cooperativas de consumo. Ademais, haberá cinema, obradoiros de reciclaxe para nenos e unha visita guiada ás instalacións dunha empresa produtora de abonos orgánicos. En colaboración co Proxecto Ríos (Adega), a ACDE Treze-Catorze vai apadriñar un tramo do río Caselas co fin de ocuparse da súa custodia a través de análises periódicas. Con este acto arrancarán as xornadas o sábado a partires das 10:30h.

viernes, octubre 07, 2011

Exposición de María Soto en Salceda de Caselas

Unha nova exposición acaba de ser inaugurada na Casa da Cultura Alfonso daniel Rodríguez Castelao de Salceda de Caselas. Neste caso trátase dunha colección de María Soto, nacida en Ribadavia e afincada en Vigo, que expón por vez primeira en Salceda de Caselas. María conta con unha longa traxectoria de estudio en arte e restauración en Santiago de Compostela e en Vigo. Precisamente na súa cidade de residencia ten un taller de pintura e manualidades para nenos e maiores. Nos seus cadros utiliza cores acrílicas e óleos moi chamativos, con resultados impactantes e moi coloristas. Dende que a Casa de Cultura Alfonso Daniel Rodríguez Castelao se inaugurou una primavera do pasado ano, máis de 20 exposicións levan pasado xa pola mesma, contando con mostras de fotografía, pintura, concienciación medioambiental, escultura… Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, lembra unha vez máis que a sala de exposicións está aberta a todo aquel que queira amosar os seus traballos, xa sexa de Salceda ou de outro Concello. “Queremos un espazo dinámico onde continuamente se renoven as exposicións e se convirta nun espazo de referencia para os e as salcedenses, como realmente está xa a acontecer”.

jueves, octubre 06, 2011

II Festa Gastronómica do Corzo este domingo en Salceda

1000 racións desta preciada carne prepararanse este domingo en Salceda, na II Festa Gastronómica do Corzo organizada pola Asociación Xuvenil Entroido de Salceda de Caselas. A festa terá lugar este domingo día 9 de outubro no torreiro das Festas da Virxe da Concepción ao lado da igrexa parroquial Sta. María de Salceda. A festa contará coa actuación de varios grupos durante toda a xornada, ademáis poderase presenciar en directo o proceso de cociñado e elaboración deste exquisito prato. Tamén haberá servicio de bar e xamón asado para os que non lles guste a carne de Corzo.

martes, octubre 04, 2011

IV Limpeza simultánea de ríos


O pasado Domingo 2 de Outubro a Asociación Treze Catorze levou a cabo a IV Limpeza Simultánea de Ríos, colaborando co Proxecto Ríos (quen organiza este día de Limpeza Simultánea en numerosos concellos de Galicia dende o ano 2008). 14 voluntarios e voluntarias saíron ao Río Caselas para recoller o lixo que atenta contra a riqueza do principal río de Salceda. Un total de 80 quilogramos de refugallos foron extraídos. A Asociación Treze Catorze considera a actividade un éxito e anima a participar en vindeiras edicións para recoller ese lixo que acaba coa biodiversidade e beleza do Río Caselas. A nota positiva da xornada, segundo os organizadores, é que cada ano que pasa, o río está cada vez máis limpo. Sen embargo, como nota negativa destacan que segue habendo moito lixo que recoller. De ahí a necesidade de concienciar á veciñanza: axudar a manter un bo estado de conservación nos ecosistemas fluviais e facerlle ver que as pequenas accións valen moito. Por este motivo, a Asociación Treze Catorze vai dar un paso máis, e próximamente vai “apadrinar” un treito do Río Caselas. Acto simbólico no que a asociación se compromete a velar pola calidade das augas e a conservación dos ecosistemas nese treito de río

miércoles, septiembre 21, 2011

O concello de Salceda realiza melloras nos colexios

O Concello de Salceda de Caselas, ao traverso da Concellaría de Ensino que dirixe Tere Pérez realizou importantes obras de mellora nos centros escolares do municipio. Así, no CRA Raíña Aragonta foron varias as obras realizadas como reparación de paredes e pintado nas aulas de San Xurxo, Soutelo e Budiño, que estaban en moi mal estado, o que supuxo unha importante reforma nas mesmas. No caso de Budiño colocáronse tamén paneis de corcho ao longo de toda a aula, facilitando o traballo de colgado dos diferentes traballos realizados polo alumnado. Así mesmo, nesta aula procedeuse á reparación da rampa e as escaleiras de acceso, espazos empregados ademáis de cómo zona de paso tamén como zona de ocio e recreo polos nenos e nenas. Ademáis rematouse e acondicionouse o patio exterior do colexio de Revolta, obra que quedara pendente da lexislatura anterior. Por outra banda, nesta semana estase a colocar caucho nos patios cubertos de Soutelo e Budiño, obra que se realiza aproveitando as xornadas de folga do profesorado, polo que non supón molestia no día a día dos colexios. No caso da escola de Fontán, e en resposta ás declaracións do PP en que se acusa ao goberno de non ter realizado as obras no verán, a Concelleira de Ensino fai a seguinte aclaración: o que inicialmente iba ser unha obra de pintado, polo mal estado das paredes supuxo unha obra maior na que prácticamente habería que reconstruílas. Colocáronse paneis de corcho na parte inferior das paredes, que era a parte que presentaba un peor estado, e decidiuse deixar a reparación do resto das paredes para as vacacións de Nadal, estando a aula preparada para recibir aos alumnos o primeiro día de curso escolar. Foi a propia mestra e o equipo directivo os que solicitaron que a obra se levase a cabo durante o curso escolar, polo que eles mesmos reubicaron aos alumnos na aula anexa. As obras estanse a levar a cabo en total coordinación co profesorado, sen causar ningún tipo de molestia nen entorpecer o normal desenrolo das clases, e quedarán rematadas esta mesma semana. Tere Pérez, Concelleira de Ensino, destacou a posta a punto dos colexios como prioridade absoluta na súa área, traballando en todo momento en constante diálogo e cooperación tanto cos mestres como coa propia dirección dos centros, evitando calquera molestia que as obras pudiesen causar no curso escolar.

miércoles, septiembre 14, 2011

Salceda saneará a zona industrial do Cerquido e Budiño

Os veciños e veciñas de San Estevo de Budiño están de noraboa xa que proximamente comezarase ás obras de instalación do saneamento nesta parroquia, despois de que o Pleno do Concello celebrado o 26 de agosto aprobara por unanimidade e puxera a disposición da Consellería de Medio Ambiente, os terreos necesarios para executar o Proxecto de Saneamento de San Estevo de Budiño (O.H. 336.912). O pequeno tramo, que descorre por O Porriño, foi aprobada tamén no último Pleno deste concello, Este proxecto supón o maior investimento en saneamento de Salceda e vai dar servizo á Zona Industrial do Cerquido, a unhas 130 vivendas dos barrios de Rubindo, O Coto, A Lomba, A Urgueira, Bouzapanda e O Cerquido e mellorar e eliminar os verquidos ó espazo protexido da Rede Natura-2000 “As Gandaras de Budiño” no Cerquido. O custo estimado destas obras ascenden a 1.276.723 €, constando de 5.852 metros de colectores e están financiadas por Augas de Galicia. Marcos Besada, Alcalde de Salceda, resaltou que “esta é unha obra importantisima para Salceda, xa que desta maneira quedará saneada a única zona industrial do Concello e que, dende hai anos, tiña varias advertencias da Confederación Hidrográfica para cancelar os vertidos que se producian ó Rio Tinto e ó Río Louro. Congratulámonos de que a Xunta lle dera para adiante a este proxecto e cumpla así unha parte dos preacordos asumidos con Salceda para por en marcha a Depuradora de Guillarei. Esperamos que nos próximos meses aproben tamén os proxectos de saneamento de Entenza e Soutelo”.

viernes, septiembre 09, 2011

Estamos nas redes sociais

Dende fai unhas semanas, abrimos un perfil no Facebook e outro no Google+. Con eles pretendemos aportar un pouco de frescura e rapidez, a hora de facervos chegar as novas que se vaian producindo no Val do Louro. Publicaremos no noso muro todo aquilo que atopemos pola rede, relacionados co Val do Louro claro, e que nos pareza interesante. Así que se queredes informarvos máis rápidamente de todo o que acontece por estas terras non tedes máis que agregarnos como amigos no Facebook ou no Google+. Isto non quere decir que deixemos de lado o blog, senón que deixaremos éste para novas de elaboración propia, ou que nos fagades chegar e que non estén publicadas na rede. Agaradamos que estes cambios axuden a dinamizar un pouco o blog, que por unha cousa ou por outra, estaba un pouco parado.

martes, agosto 30, 2011

Salceda prepara 15.000 racións de callos para o vindeiro domingo

O Concello de Salceda de Caselas ven de presentar a XIX edición da Festa dos Callos, que se celebrará o vindeiro 4 de setembro. Na presentación, ademáis de Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, e Marcos Besada, alcalde de Salceda, como ven sendo habitual estiveron tamén presentes representantes do Concello do Porriño, neste caso Marcelino Coto, Tenente de alcalde e Mª Jose Martínez, Concelleira de Medioambiente e Sanidade, ademáis de Alejandro Alonso e Julio Barros en representación da empresa Frigolouro.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, destacou que con esta festa péchase o ciclo festivo do verán. Agradeceu a presenza dos compañeiros do Porriño, cos que bromeou co tema do viño, xa que Porriño segue apostando polo branco, mentres que Salceda se pasou ao tinto. Destacou o “irmandamento” entre os dous concellos, non só no refrente aos callos, senon que se trata de dous concellos que van da man en moitos proxectos e no día a día. O alcalde lembrou que se espera a presencia dunhas 20.000 persoas e agradeceu a implicación do persoal do Concello asi como dos máis de 50 voluntarios que traballarán na festa.
Alejandro Alonso, xefe de cociña do equipo de Frigolouro dixo que este ano se van preparar uns 5.900 kg. de producto, o que se traduce nunhas 15.000 racións. Así mesmo, reiterou que ninguén que desexe probar os callos se vai ir sen facelo, porque están preparados para satisfacer toda a demanda que se presente. Para preparalos utilizará 1500 kilos de ventre vacún, 750 kg de pata, 375 kg de lacón curado, 325 kg de chourizo e 1600 kg de garbanzos.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, dixo que está a ultimar os derradeiros detalles para a Festa. Os actos comezarán na noite do sábado 3 co monólogo de Quico Cadaval ás 21:30 no Auditorio, para o cal xa se poden adquirir as entradas no Concello, e rematarase a noite coa celebración do V Serán dos Callos, polo que dende a Concellaría se quere convidar a todos aqueles grupos de gaiteiros, pandeireteiras e demáis que se acheguen a Salceda a participar deste serán.
O domingo 4 será o día grande, con reparto de callos dende primeiras horas da mañá, amenizando a festa a charanga Sghae de Salceda, que ese día fará a súa presentación ao público. Ás 12:00 será a lectura do Pregón, que este ano correrá a cargo do actor Quico Cadaval. Ás 20:00 horas será o turno de Marful, que ofrecerá un concerto na Praza do Concello como peche a estas festas.
Tamén os comerciantes de Salceda teñen previsto celebrar Exposalceda, mercadiño de oportunidades, que se ubicará no Pavillón dos Deportes e que se celebrará o sábado e o domingo, ao igual que a Asociación de Xubilados e Pensionistas que volverán celebrar a exposición de antigüedades na Devesa.

sábado, agosto 27, 2011

Axuda a manter a pluralidade política

A reforma promovida polo PP e o PSOE da Lei Electoral, obriga que para as vindeiras eleccións xeráis do 20 de novembro, os partidos que non obtiveron representación parlamentaria nas pasadas eleccións, teñan que presentar un aval de firmas igual a un 0,1 % do censo electoral de cada unha das provincias nas que teñan intención de presentarse. Con esta traba o que se consigue e disminuir, de xeito drástico, o número de partidos que se presenten as eleccións, e os que consigan finalmente presentarse, investiran unha boa parte dos seus escasos recursos (tempo e diñeiro) e presentar os avais necesarios, recursos que serían mellor empregados en preparar a campaña e facer chegar a súas propostas a sociedade. Por iso o partido Pirates de Catalunya creo unha web onde todas as persoas que queiran avalar a un partido político da súa provincia poidan facelo de xeito sinxelo, deixando os seus datos para avalar ao partido que cada un elixa e logo ese mesmo partido é o que se porá en contacto con cada avalista para ir a firmar. Eu penso que canta máis variedade haxa onde elexir, máis fácil será atopar un partido que concorde coas nosas ideas, por iso dende este blog anímovos a tod@s a avalar a calquer partido, para que a "biodiversidade" política non se vexa mermada drásticamente nas vindeiras eleccións. Se non tedes claro a que avalar, como habitante do Valdolouro e galego, animovos a que avaledes a Converxencia XXI un partido fundado en Tui que se define como nacionalista  galego de centro. Se este partido non vós convence podedes avalar a outro na provincia de Pontevedra, hai moitos onde elexir. E para terminar, só decir que, aínda que avales a un partido non quere decir que teñas que votar por él.

viernes, agosto 12, 2011

XL Descenso do Miño 2011

Este sábado terá lugar a 40ª edición do Descenso Internacional do Río Miño. Despois duns cantos anos de clara caída, en canto a afluencia de público, este ano parace que a organización tenta cambiar a tendencia e ten programado distintos actos para que a proba volte a ter o esplendor que nunca debeu perder. Haberá un descenso popular, concertos e un ata clásico que nunca falla en calquer acontecemento galego que queira ter éxito, unha festa gastronómica. Agardemos que a proba volte a ter o esplendor que nunca debeu perder.

martes, mayo 24, 2011

Eleccións municipais no ValdoLouro

Unha vez rematada a xornada electoral o panorama parece bastante claro nos 4 concellos do Valdolouro. O PP gobernará con maioría absoluta nos concellos de Mos, O Porriño e Tui e o BNG gobernará Salceda co apoio do PSOE. Houbo emoción en Tui onde ata o escrutinio da última mesa electoral o PP non tiña a maioría absoluta. En Salceda de Caselas a cousa foi ao revés, con máis do 75 % escrutado o PP obtiña a maioría absoluta, pero no último instante a Bloque arrebatoulle o 6 concellal ao PP, quedando éstes sen a maioría absoluta necesaria para gobernar. Esta tensión reflexábase na caras dos dirixentes do bloque, que ían trocando do seu susto inicial, a ledicia tra-lo estoupido festeiro que se prolongou ata a madrugada. Estas son algunhas imaxes da festa do BNG na noite electoral en Salceda.

viernes, mayo 06, 2011

Fotos do Martes de entroido en Salceda

Como o prometido é débeda, eiquí están as fotos do desfile das carrozas e comparsas de entroido, dos barrios de A Feira e o Castro Barreiro, que tivo lugar o martes de entroido polas rúas e estradas de Salceda. Máis vale tarde ca nunca.

sábado, abril 23, 2011

Fotos do Domingo de Entroido en Salceda

Non sei se a espera merecería a pena, pero eiquí están as fotos do desfile de carrozas e comparsas de entroido que tivo lugar en Salceda de Caselas o pasado domingo de entroido. En vindeiros días poderedes disfrutar das fotos do martes de entroido.

martes, abril 19, 2011

Senda Fluvial do Río Caselas

O pasado 19 de marzo inagurouse unha nova ruta pola beira do río Caselas, é a segunda ruta deste tipo que se abre, despois da que percorre as terras de Entenza, entre a A Fonte de Agüín e a Ponte do Picado. Está nova ruta percorre o río Caselas entre Santa María de Salceda e a parroquia da Picoña. Ten 2.014 metros e nela pódese ver, ademáis da flora e fauna característica desta zona, un conxunto de muiños cuidadosamente restaurados. Un deles, o Muiño da Laxe, foi restaurado na súa totalidade, incluindo a maquinaria e agora está funcionando como centro de interpretación. Esta é a ruta no Wikiloc e se facedes click nela, poderes ver o percorrido totalmente detallado, ademáis de fotografías da ruta.

Estes son os folletos informativos editados polo Concello de Salceda de Caselas.



E por último un vídeo, xentileza de Salceda Documental onde se amosa unha visita que un grupo de escolares de Salceda fixeron ao Muiño da Laxe.

lunes, abril 18, 2011

O pregoeiro das Festas de San Telmo crea división en Tui

O nomeamento de Mario Conde, como pregoeiro das festas de San Telmo 2011, está creando unha división na sociedade tudense. Eu no seu día xa expresei a miña opinión cando o nomearon cofrade de honra, ten sorna a cousa, da Confraría do Bo Xantar de Tui. Neste caso a cousa aínda é máis grave xa que foi nomeado para ser preogeiro das festas de San Telmo 2011, festas na que se proxecta a imaxe do concello de Tui hacia o exterior. Preto de 500 persoas xa formaron un grupo no facebook contrario a que Mario Conde sexa pregoeiro das festas de San Telmo e estudan algún tipo de protesta para esté sábado pola tarde que será cando teña lugar a lectura do pregón.

lunes, abril 11, 2011

Incendio no centro de Salceda

Arredor das 5 da tarde de hoxe prodúxose un incendio nunha casa abandonada no centro de Salceda de Caselas. Unha casa situada no cruce da rúa Vigo coa rúa Joaquín Fernández Sestelo 


foi pasto das lapas que escomezaron no interior da construcción e que en poucos minutos acabaron por devorar o pouco que quedaba de dito inmoble, a pesares de que dous camións de bombeiros tentaron sofocar o lume. Estas son unhas imáxenes do incendio. A calidade non é moi boa xa que están tomadas con móvil dende o interior dun automóvil, pero o seu pequeno valor periodístico creo que paga a pena.




martes, abril 05, 2011

Desfile do sábado de entroido no Porriño

Con unhas cantas semanas de retraso eiquí están as fotos que tomamos no desfile de carrozas e comparsas que tivo lugar o sábado de entroido no Porriño. En vindeiros días, espero que non sexan moitos, subirei as fotos do desfile do domingo e do martes de entroido en Salceda.

lunes, marzo 28, 2011

Vídeos da inauguración da Senda do río Caselas

O 19 de marzo os veciños e veciñas de Salceda inauguraron a Senda do Rio Caselas que vai dende As Pontes en Santa Maria ata O Rubal en Picoña. Unha gran cantidade de público escoitaron as verbas de Cándido Lorenzo, Concelleiro de Medio Rural, Enrique Cabaleiro, Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Besada, Alcalde de Salceda e Xoán Novoa, Comisario de Augas da Confederación Hidrográfica do Miño e Sil. Todos agradeceron a cesión dos terreos por parte dos case 200 propietarios e alabaron o traballo de tódalas empresas e persoas que colaboraron no proxecto. Esta senda de 2014 metros de lonxitude pasa por catro muiños recentemente restaurados (Muiño das Covas, dos Cregos, das Figueiras e o de Marcial) que conforman o Parque etnográfico dos Muiños do Río Caselas e por tres áreas recreativas (Covas, Fondóns e Rubal). Un dos muiños, o dos Cregos, vai ser o muiño-museo, que cont´´en varios paneis informativos e é o que está en funcionamento. Finalmente, o alcalde manifestou que xa están comprometidos pola Confederación Hidrogrfica do Miño e Sil outros 150.000 euros para ampliar o paseo dende As Pontes ata As Ribeirias (na Pedra). O estupendo blog Salceda Documental achéganos estes dous vídeos da inauguración.


miércoles, marzo 23, 2011

NOTA DE PRENSA DA COMUNIDADE DE MONTES DE SALCEDA

A directiva da mancomunidade de Montes de Salceda quere mostrar o seu malestar polo trato recibido pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia ante o plantón que protagonizaron dous técnicos comprometidos por esta para realizar unha charla informativa sobre a praga do nematodo do piñeiro.
O despropósito comezou xa coa tardanza en determinar pola Consellería das persoas encargadas da poñencia da citada charla. Estaba prevista inicialmente para o día 4 de marzo, pero ante falta de resposta da Consellería decidiuse trasladar para o día 11, xa que ata o día anterior non se confirmaron os técnicos encargados de explicala situación. Ante a falta de tempo para promocionar o acto decidiuse pospoñelo.
Despois de publicitalo acto para o venres 11 durante todas esa semana, o xoves 10 recíbese un fax onde se explica que os técnicos asignados non poden asistir por unha cuestión de axenda, xa que tiñan unha reunión en Santiago ese día ás 8 da noite, cousa sorprendente polo horario dos funcionarios. Nese mesmo fax informase que si se quere información sobre a praga ten que asistir unicamente a directiva da mancomunidade á Consellería para que logo esta lla comunique ós comuneiros e propietarios particulares, ós que ía dirixida a charla.
Ante este plantón, a Mancomunidade ponse en contacto coa Asociación Forestal de Galicia e esta lle proporciona un técnico que informa do “que sabe, pois a Consellería é moi opaca neste proceso e non ten as cousas claras nin lles aclara certas cuestións técnicas, importantes para as comunidades e propietarios particulares.”
A Mancomunidade de Montes pide que isto non volva a pasar e que a Consellería informe ós propietarios de montes con piñeiros dos seus dereitos e das súas obrigas dentro da área de restrición pola praga. Recorda tamén os ridículos 470 € que a Xunta lles otorgou como axuda para a prevención de incendios forestais o pasado ano.

viernes, marzo 18, 2011

II SERÁN FURANCHEIRO ESTE SABADO 19 EN PICOÑA

O Serán furancheiro de Picoña naceu coa idea de promocionar turísticamente este lugar de Salceda, descoñecido para moitos/as, e ó mesmo tempo facilitar a saida de excedentes do viño que colleitan númerosas persoas. Esta formula tamén ten un compoñente cultural e social , xa que se pretende que haxa o maior número de grupos musicais polas adegas e camiños da parroquia o que favorecen as relacións persoasi e sociais entre veciños/as e visitantes. Por outra banda, nestes momentos de crise, entendemos que os furanchos poden ser un paliativo para aquelas persoas que o están pasando mal económicamente.
Despois do éxito do ano pasado nos barrios de Loureiro e Fraga, este ano o Serán vaise levar a cabo nos barrios de Coto, Pedrapinta e Ataude. Cinco furanchos, moi pretos entre sí, abrirán as súas portas a partires das seis da tarde. Haberá dous lugares de estacionamento de vehículos no Centro Cultural e no anexo do Campo de Fútbol dende onde se poderá facer a visitas de forma circular.
A organización informa que os visitantes terán a súa diposición folletos onde se sinalarán os furanchos e camiños polos que chegar a eles. Ademáis agradece ós conductores máxima precaución xa que haberá moita xente camiñando polas estradas da parroquia.

miércoles, marzo 16, 2011

Vídeos do Entroido de Salceda

Hoxe achégovos estes vídeos, do estupendo blog Salceda Documental, sobre o desfile do venres do domingo e do martes de entroido en Salceda. En vindeiros días amosareivos as fotos que tomamos do entroido de O Porriño e de Salceda.





lunes, marzo 14, 2011

Presentación da Festa do Xabarín 2011

A Comisión de festas da Concepción 2011 presentou no día de onte a IV FESTA GASTRONÓMICA DO XABARÍN, para a presentación contouse coa presencia de parte dos cociñeiros encargados de elaborar a receita o día da festa.


Para poder facer fronte as 1700 racións, prepararanse máis de 500 quilos de xabarín, 300 quilos de pataca e 150 quilos de arroz, a un prezo de 10 euros a ración, 

acompañada tamén de viño e pan.

Para os que non lle guste o Xabarín tamén haberá xamón asado ou callos.

ACTIVIDADES DA FESTA :

*Pregón a cargo de EREA CASTRO participante do concurso "RECANTOS" do programa LUAR da TVG.
*Actuación dun grupo musical.
*Actuación da Charanga "Divertida".
*Actuación do grupo de baile Dinamikdancers.
*Chegada e saída da I Kedada de BTT - Xabarín 2011.
*En caso de choiva haberá carpa.
 

Data: 20 de marzo a partires das 10:00 hrs.
Lugar: Torreiro da festa da Virxe da Concepción, Salceda de Caselas.

domingo, febrero 20, 2011

Xa chega o entroido

Cada vez está máis preto o entroido. Na nosa bisbarra o máis famoso e de máis tradición é o entroido de Salceda. Navegando pola estupenda páxina Salceda Documental atopamos esta reportaxe do ano 2006 que fala e amosa os preparativos, e todo tipo de anécdotas que rodean estas festas de Salceda. Tamén no grupo do Facebook "amigos despois do martes entroido" tedes minutos e minutos de vídeos sobre o entroido de A Feira e o Barreiro. Entre eles recoméndovos éste, "Memoria de dous barrios" que consta de 4 partes e que fai un bonito resumen coa historia deste entroido ou carnaval, como a maioría dos destes barrios prefiren chamarlle.

viernes, enero 07, 2011

Deixounos Palmira

Os sistemas de posicionamento por GPS necesitan o sinal de varios satélites para darnos a nosa localización exacta. As persoas pásanos algo parecido, necesitamos distintas sinais para poder saber en que sitio estamos, en que época do ano, en que festa, ... As sinais son de diversos tipos, unha igrexa, un vello carballo, un penedo, un río... Palmira xa era un deses "satélites", a súa figura axudábanos a saber se estábamos pasando polo barrio de Calvario en Caldelas, se estábamos bailando nas Festas da Rocha ou se estábamos comendo castañas no magosto de San Martiño. Por iso dende esta semana quedamos un pouco desorientados, fáltanos ese punto de referencia, ese nexo que quedaba cos nosos avós e bisavós, ese "satélite" que nos acompañou durante 108 anos. Agora debemos buscar outras referencias e coidar das que nos quedan, Palmira xa traballou dabondo.
Festas da Rocha - Agosto do 2005 - Foto cedida por Manuel Paz