lunes, diciembre 14, 2009

O goberno de Salceda reúnese cos veciñ@s

O goberno de Salceda de Caselas, do que forman parte cinco concelleiros do BNG e dous do PSG-PSOE comezaron unha serie de reunións con distintos colectivos e cidadáns por parroquias co obxectivo de explicar a súa laboura de goberno e os proxectos que se executarán no futuro para seren incluídos no orzamento do ano 2010.
Esta xeira de reunións comezaron cos hostaleiros da Rúa Pontevedra para intentar entre as partes conciliar o dereito dos veciños desta rúa ó descanso e o dereito dos hostaleiros a traballar. Chegouse a un acordo onde os hostaleiros se comprometeron a cumprir os horarios de peche de cada local, evitar no posible a saída de persoas dos establecementos con vasos de cristais e tolerancia cero no consumo de drogas nos locais.
A continuación foron convocados todos/as comerciantes do centro de Salceda, ós que o goberno lle expuxo as inversións realizadas polo Concello na área do comercio e a futura humanización das Rúas Victoriano Pérez Vidal, Joaquín Fernández Sestelo e Avda. Galicia para que estes aportaran ideas e suxerencias. Tamén se falou da proposta de ampliación da zona azul, queda pendente para despois da citada humanización. Por outra banda tamén se chegou a un preacordo para que os comerciantes financien nun 50% a colocación do alumeado de Nadal, poñendo o concello o restante 50% e o 100% do consumo eléctrico.
O domingo 13 a equipa de goberno comezará nas parroquias de Salceda unha serie de reunións abertas onde se explicarán os traballos realizados nelas e os obxectivos propostos de cara ó ano próximo. As datas son as seguintes:

BARREIRO LUNS, 14 ás 20:00
SOUTELO
MARTES, 15 ás 20:00
PARDERRUBIAS
MERCORES, 16 20:00
ENTENZA XOVES, 17 20:00
SAN XURXO
DOMINGO, 20 11:00
A FEIRA
LUNS, 21 20:00
BUDIÑO
MARTES, 22 20:00
ESFARRAPADA
MERCORES, 23 20:00


jueves, noviembre 19, 2009

Arde a nave de Pinturas Proa no polígono da Granxa no Porriño

A estas alturas do día xa casi todos saberedes que hoxe arredor das 9:30 horas ardeu, no polígono da Granxa, unha nave da empresa Pinturas Proa. O incendio foi de considerables dimensións e para sofocalo acudiron, ademáis dos bombeiros de O Porriño, persoal doutros parques coma Vigo, Valença e O Morrazo. O pouco tempo de producirse o suceso, chegaron as nosas mans estas fotografías tomadas por un particular, antes de que a maioría dos medios de internet se fixeran eco da nova. Isto son os milagres das novas tecnoloxías.










miércoles, noviembre 18, 2009

Este venres concerto especial dos Phantom Club en Tui

Estamos en plena conta atrás de cara ao concerto que este venres ofrecerá nos Phantom Club no Teatro Municipal de Tui. Os oito integrantes desta banda non estarán sós senón moi ben acompañados por artistas coma Ariel Rot, Andy Chago, Pablo Novoa e Claudio Gabis.
Este será un directo especial xa que servirá para gravar o seu segundo traballo discográfico titulado “Muchas noches, buenas gracias” no que de novo recorren ao xogo de palabras coma fixeran xa con “Funksiona” o seu primeiro disco do que venderon 2 mil copias.
Trátase dun proxecto ambicioso xa que inclúe 18 temas propios, nos que repasan a súa carreira que comezou precisamente cun concerto en Tui en 2002. O son deste directo será logo mesturado en Bos Aires e remasterizado en Los Ángeles, agardando que o resultado en formato DVD e CD poida estar no mercado en marzo de 2010.
O grupo promete que o concerto do próximo día 20 “será unha festa con ritmos moi variados que van do funky, ao rock, con hip hop, e rap con músicos en directo”. Con eles estarán tamén Nillo Nández, de Pacifico, o Puto Coke, e os rapeiros de Licor Kafé. En total en escena haberá catorce músicos. A apertura de portas terá lugar ás oito da tarde, e dende ese momento o público poderá compartir a previa ao concerto na cafetería que se instalará para a ocasión no vestíbulo da Área Panorámica. Alí poderán ollar unha exposición de 24 fotografías de concertos en directo realizadas pola viguesa Queca Juárez.
Phantom Club está formado por Frans Banfield (voz), Seilaesencia (voz), Brian Moure (bajo), Juanma Ons(guitarra), Charlie Hermida (guitarra), Vitorio (batería), Nata Estévez (saxo alto) e Sutta (sampler y voces).
Os integrantes de Phantom Club tiñan claro que este concerto queríano facer en Tui porque segundo explica Frans Banfield “o grupo naceu aquí hai sete anos, isto gústanos, é a nosa casa”. Mentres Charlie Hermida explica que “o traballo facémolo a pulmón” indicando que se encargan de todo o proceso xa que non teñen manager nin produtor nin editorial, feito polo que queren amosar o seu agradecemento tanto ao Concello de Tui comas as distintas empresas que lles apoian nesta aventura. Un agradecemento que queren facer extensivo a Javier Abreu que será o enxeñeiro de son no concerto, a Gus Abreu que se encarga da parte técnica, e a Víctor Coyote que deseñou a imaxe e que sempre lles ten apoiado incondicionalmente.
A cita é o venres ás 21.30h no Teatro Municipal de Tui. O concerto durará preto de 100 minutos, e por cuestións técnicas, haberá un descanso de 10 minutos. As entradas están xa á venda na web www.culturatui.info, ou pódense mercar o propio venres no despacho de billetes da Área Panorámica ao prezo de 5 e 3€.

martes, noviembre 10, 2009

Este fin de semana XIII Festa dos Cogumelos en Entenza (Salceda de Caselas)

lunes, noviembre 09, 2009

Espicho do Faro, Entenza

Foi unha das primeiras reportaxes que fixemos para esta páxina, cando a puxemos en marcha alá polo ano 2001, nel podese observar a evolución de dito parque dende a súa inauguración (ano 2000) ata estes días. O Espicho do Faro atópase na parroquia de Entenza, en Salceda de Caselas e é algo así como a aldea de Obelix un pequeno reducto da natureza que se atopa rodeado de canteiras por todas partes, pero ao igual que a pequena aldea gala, aínda resiste o acoso do imperio do granito.


jueves, noviembre 05, 2009

Este sábado III Serán de San Martiño en Caldelas

martes, noviembre 03, 2009

III Concurso fotográfico "As festas do Cristo 2009"

A finais do pasado mes déronse a coñecer os premios do concurso fotográfico "As Festas do Cristo 2009". Se non tiveche ocasión de botarlle unha ollada, tanto as fotos gañadoras, coma o restos das que participaron, neste enlace do Archivo Municipal da Imaxe de O Porriño, poderás facelo.

viernes, octubre 30, 2009

Festa do Outono, este sábado en Mos

martes, octubre 13, 2009

Chegou o tempo de loitar

Nas vindeiras semanas o novo goberno da Xunta derogará o decreto do galego, aprobado durante o mandato de Manuel Fraga, que vendo o que fan os seus cachorros acabará sendo un ilustre galeguista e defensor a ultranza da nosa lingua. Xa se ten falado moito deste tema, igual que da enquisa ou excusa que se usará para derogar dito decreto. Para os galegofalantes creo que chegou o momento de aparcar as verbas e comezar a loita. Para esta loita teremos que usar tódalas as armas ao noso alcance:

-Primeiro. Evitar accións que poidan ir contra dos defensores do galego. Feitos coma os acontecidos este fin de semana na Rúa Príncipe de Vigo, en nada benefician ao galego e en cambio poden ser usados polos seus detractores para desvalorar e desprestixiar aos defensores da nosa lingua.

-Segundo. Potenciar o consumo dos medios de comunicación que teñan como idioma único ou principal o galego. Na televisión témolo bastante cru cunha nova telegaita que xa vai soltando certo tufo nos seus telexornáis. Na prensa escrita xa temos outras opcións como Galicia-Hoxe, A Nosa Terra, A Peneira, etc. Aínda que estes xornáis non acaden a popularidade ou a diversidade de contidos doutros coma o Faro de Vigo ou La Voz de Galicia, estou seguro que se entre todos aumentamos a súa demanda, co tempo irían mellorando e obrigaría a estes máis coñecidos a aumentar o seu contido en galego.

-Terceiro. Favorecer positivamente as empresas que etiqueten os seus productos en galego. En similares condicións mercar sempre o producto etiquetado en galego. Na actualidade xa hai empresas que fan publicidade do seu leite decindo que so usan leite galego, isto é porque hai un grupo de consumidores que valoran que o leite sexa galego, aínda que non sexa o máis barato. Se hai un grupo importante de consumidores que valoren tamén que o producto estea etiquetado en galego as empresas non lles quedará outra que facer o etiquetado en galego.

-Cuarto. Elexir preferentemente para mercar as tendas, cadeas ou centros comerciais que fagan a súa publicidade en galego. Fixádevos nas vallas que vedes pola estrada, ¿cantas destas fan a súa publicidade en galego?. Son só unha pequena minoría.

-Quinto. Apuntarvos a proxectos coma limiar de galego que aposta pola creación dunha rede de escolas privadas en galego. Se os curas conseguiron facer as súas propias escolas, nós tamén podemos facelo.

-Sexto. Cando chamemos a un teléfono de asistencia telefónica, pedide sempre a opción de que vos atendan en galego, con iso conseguiredes dous beneficios, primeiro darlle traballo a alguén que sabe falar galego, e segundo e por experiencia propia, entenderan mellor os vosos problemas, xa que é máis complicado atopar unha persoa no Magreb ou en Latinoamerica que sepa falar galego.

-Séptimo. Participar en toda canta manifestación e acto a prol do galego se organice. Como a que terá lugar o vindeiro domingo día 18 en Santiago. Aos políticos non lle gusta nada té-la xente movilizada na súa contra, aínda que logo lle intenten quitar importancia dicindo que eran catro gatos ou que a única movilización válida é a das urnas. A ninguén lle gusta ter un grao no cú aínda que non vaia a morrer delo.

Se cada un de nós aporta o seu granciño de area, esa árbore feble que é o galego e que algúns queren enterrar, brotará con máis forza e cunhas pólas tan fortes que nin a bandada máis grande de gaivotas poderá dobregalas.

viernes, octubre 09, 2009

A Agrupación Xunco de Parderrubias presenta o ciclo cultural 2009

Agrupación Cultural Xunco de Parderrubias (Salceda de Caselas).

martes, octubre 06, 2009

Este venres festa house en Soutelo

jueves, octubre 01, 2009

Son de Seu actúa este venres en Tui

O Teatro Municipal de Tui inaugura mañá venres, 2 de outubro, a programación cultural de outono cun concerto da orquestra folk “Son de Seu” única das súas características en Galicia. A cita será ás 21.30h. As entradas son gratuítas até completar o aforamento, debendo retirarse dende ás 20h no despacho de billetes, cun máximo de dúas localidades por persoa.
Son de Seu creouse no ano 2000 no Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo. Rodrigo Romaní dirixe aos 40 compoñentes desta agrupación que recrean o repertorio tradicional e de nova creación. O concerto é todo un espectáculo tanto pola interpretación coma pola coidada posta en escena. Nos seus concertos empregan instrumentos construídos na súa maioría no propio país por artesáns mesmo pertencentes á propia orquestra e arranxos contemporáneos na liña do xa clásico folk galego producidos en exclusiva para a formación polos profesores das aulas do conservatorio, todos eles con longa traxectoria no estilo.
Son de Seu é a primeira agrupación destas características en España e unha das primeiras en Europa. Arestora forman parte dunha organización europea entre cuxos obxectivos está formar outras orquestras similares noutros países da UE.
No concerto que mañá venres van ofrecer no Teatro Municipal de Tui os membros de Son de Seu van dalo todo no escenario, sen estar constriñidos pola pauta dun director xa que os propios músico plantean a dinámica en escena. O son que se poderá escoitar é o máis puro posible, xa que empregarán a máis mínima expresión de amplificación. Buscarán meter ao espectador no ambiente musical da orquestra. A cita será ás 21.30h.