viernes, enero 07, 2011

Deixounos Palmira

Os sistemas de posicionamento por GPS necesitan o sinal de varios satélites para darnos a nosa localización exacta. As persoas pásanos algo parecido, necesitamos distintas sinais para poder saber en que sitio estamos, en que época do ano, en que festa, ... As sinais son de diversos tipos, unha igrexa, un vello carballo, un penedo, un río... Palmira xa era un deses "satélites", a súa figura axudábanos a saber se estábamos pasando polo barrio de Calvario en Caldelas, se estábamos bailando nas Festas da Rocha ou se estábamos comendo castañas no magosto de San Martiño. Por iso dende esta semana quedamos un pouco desorientados, fáltanos ese punto de referencia, ese nexo que quedaba cos nosos avós e bisavós, ese "satélite" que nos acompañou durante 108 anos. Agora debemos buscar outras referencias e coidar das que nos quedan, Palmira xa traballou dabondo.
Festas da Rocha - Agosto do 2005 - Foto cedida por Manuel Paz