jueves, febrero 12, 2009

Este venres a Real Filharmonía e presentación do libro "Contos do Miño" en Tui

O Teatro Municipal de Tui acolle este venres, ás 21.30h, un concerto da Real Filharmonía de Galicia, froito da colaboración entre a Fundación Caixanova e o Concello de Tui. A Real Filharmonía de Galicia estará acompañada por Tuomas Ollilla-Hannikainen coma director convidado, e con Daniel Hope coma violisnista. No programa interpretarán a Obertura dos esclavos felices de Juan Crisóstomo Arriaga, o Concerto para violín num.2 en sol menor de Sergei Prokofiev, e a Sinfonía num.6 en re menor de Johann Wilhelm Wilms. A Real Filharmonía de Galicia fixo a súa presentación no Auditorio de Galicia en 1996. Conta cun amplo repertorio que abrangue dende as pezas de Mozart a Bach, pasando por músicas tan heteroxéneas coma a que se compón actualmente en Galicia ou os musicais de Broadway. Tuomas Ollila-Hannikainen, que actuará coma director convidado, formouse coma director de orquestra e violinista na Academia Sibelius. Estudos que completou posteriormente no Conservatorio de San Petesburgo e no Tanglewood Music Center. Ten sido director en varias cidades europeas coa Orquestra Filarmónica de Rótterdam. Estivo ao fronte da Orquestra Sinfónica da BBC de Gales, da Orquestra do Ulster, da Filarmónica de Tampere e da Tapiola Sinfonietta entre outros. Amais a súa gravación de Karelia, de Sibelius, coa Filarmónica de Tampere, obtivo o premio de Cannes Classical Award e o premio Finis IFP’s Janne. Mentres Daniel Hope está considerado un dos mellores violinistas do panorama actual. Traballa cos mellores directores e orquestras do mundo. Obtivo tres nominacións para os Grammy, logrando en tres ocasións consecutivas o Premio BOTO. Dirixiu coma violinista vairas orquestras de cámara e ten colaborado con interpretes coma Bobby Macferrin, Edgar Meyer, Uri Caine ou o antigo baixista de Police Steward Copeland. Foi distinguido co Caecilia de Bélxica pola súa gravación do Concerto para violín de Mendelssohn, e outro dos seus proxectos do Theresiendstads logrou o Diapason D’Or de Francia.

Por outra banda as 20:00 horas, na sala Féliz Rodríguez da mesma Área Panorámica ,terá lugar a presentación do libro "Contos do Miño". Trátase dunha recopilación de contos de tradición oral recollido durante varios cursos por alumnos do IES Francisco Sánchez de Tui coa coordinación de Xosé López e Susana Casal. Na presentación interverá, entre outros Antonio Reigosa, especialista en literatura oral.