jueves, septiembre 25, 2008

I Marcha de Montaña Raíña Aragonta

O Clube Ciclista Aragonta de Salceda organiza para o vindeiro domingo a I Marcha de Montaña Raíña Aragonta. Trátase dun circuito de 33 km. polos montes dos arredores de Salceda. A saída será ás 9:30 na Praza do Concello. Máis información na web do Clube Ciclista Aragonta.

miércoles, septiembre 24, 2008

Este venres María do Ceo en Tui

Este venres comeza a programación de outono no Teatro Municipal de Tui, que ofrecerá dez espectáculos de aquí a finais de ano baixo a organización da Concellería de Cultura.
A cita deste venres é musical co concerto que ofrecerá a cantante María do Ceo, que chega Tui no programa Vai de Camiño da Consellería de Innovación e Industria ao través do Xacobeo. Este evento musical comezará ás 22.30h no Teatro Municipal. A entrada é gratuíta, debendo retirarse dende ás 21h na billeteira na propia Área Panorámica.
María do Ceo fará en Tui un percorrido musical pola súa discografía presentando amais os temas do seu último traballo “No bico un cantar”. Trátase dun disco de 17 cancións das 11 foron compostas pola propia artista baseándose en poemas de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Castor Elices, Xosé Luís Méndez Ferrín, Armando Gonzalez López e Serafín Marqués.
Pero no seu espectáculo non faltarán os fados, seguindo unha tradición que dende o berce lle transmitiu o seu pai.
Cunha sólida carreira internacional foi recoñecida e condecorada como embaixadora da cultura galega no mundo. En 2001 foi convidada para participar na primeira e gran homenaxe póstuma a Amalia Rodríguez, no Coliseo da Lisboa.
María do Ceo, cando canta transmite melancolía, dozura, paixón, tenrura, todos os ingredientes para ser unha boa interprete de fado, envolvendo ao público nun ambiente máxico.

martes, septiembre 23, 2008

Outono de teatro 2008 de Salceda

A Concellaría de Cultura do Concello de Salceda de Caselas, que dirixe Teresa Pérez, ven de presentaou a pasada semana o "Outono de teatro 2008", que se celebrará dende o sábado 20 de setembro ata o 2 de novembro, nas instalacións do Auditorio Municipal. Un total de sete obras pasarán polo auditorio salcedense, pasando polos estilos máis variados, dende a comedia ata o teatro para nenos. Como novidade, nesta edición a Aula Municipal de Teatro do propio Concello de Salceda será a encargada de abrir e pechar o ciclo. Así, os máis pequenos súbense mañá ao escenario coa montaxe ¡¡Non...Non...Non...!!, unha montaxe estreada este verán e que serviu para a reflexión dos maiores sobre o mundo que estemos a deixar para os nosos fillos. Pola súa banda, os adultos serán os encargados de pechar o cilo o vindeiro 2 de novembro coa obra "O soño dunha noite de San Xoán".
O ciclo está patrocinado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galiza, e conta coa organización do grupo de teatro Atrezzo. Con el, dende a Concellaría de Cultura quérese dar resposta a unha grande parte das veciñas e veciños salcedenses, afecionados ao mundo do teatro, e que piden este tipo de espectáculos. O programa é o seguinte:
20.09 ás 21:00 Aula Municipal de de Teatro Infantil do Concello de Salceda coa obra ¡¡Non...Non...Non!!
27.09 ás 21:00 Carfax coa obra "O cuarto do príncipe"
11.10 ás 21:00 Atrezzo coa obra "A voda"
19.10 ás 17:30 Achádego coa obra "O libro de ler"
26.10 ás 17:30 Casahamlet coa obra "Remoldiño vai á feira"
02.11 ás 17:30 Aula Municipal de Teatro de Salceda coa obra "O soño dunha noite de San Xoán".

Por outra banda, está xa aberto o prazo de matrícula para o novo curso da Aula Municipal de Teatro de Salceda. Todos os interesados en participar neste novo curso poden informarse na OMIX do Concello ou directamente na Concellaría de Cultura. Este será o terceiro ano en que se poña en marcha este proxecto, que cada ano conta con máis alumnas e alumnos. As montaxes realizadas conseguen sempre unha grandísima sistencia de público, sendo un dos eventos que consegue atraer a máis xente.

jueves, septiembre 18, 2008

Vídeo da Festa dos Callos de Salceda

Navegando pola rede atopamos este video recopilatorio do que foi a XVI Festa dos Callos de Salceda, con especial protagonismo da charanga NBA.

martes, septiembre 16, 2008

Web do Arquivo Municipal da Imaxe de O Porriño

Se no anterior artigo dabámoslle un pequeno tirón de ourellas ao Concello de O Porriño, e a algún máis da bisbarra, polo nulo apoio que lle están dando a internet, neste caso non queda outra que darlle a máis sincera noraboa pola posta en marcha da web do Arquivo Municipal da Imaxe. Trátase dunha estupenda web onde se poden ollar todo tipo de fotografías antigas da vila de O Porriño e as súas xentes, perfectamente organizadas, con deseño case impecable e co máis importante, con afán de seguir medrando gracias as aportacións dos veciñ@s e visitantes a web. Agora só queda que poñan en marcha, e con contidos útiles para os veciñ@s, a web oficial do concello.

sábado, septiembre 13, 2008

Festas do Cristo 2008 no Porriño

Hoxe sábado celebrase no Porriño o IX Festival Intercontracultura, festival grafiteiro e de hip-hop dentro dos actos previstos para as festas do Cristo 2008. A programación oficial, que xa escomenzou o venres 5 de setembro, esta aloxada no blog da Peneira da Louriña, xa que o concello de O Porriño, a estas alturas de século XXI, non dispón de ningunha web oficial actualizada, o mesmo acontece no Concello de Mos. Un destes días faremos un pequeno repaso de como está situación de internet na nosa bisbarra, que xa vos adianto que é bastante penosa, como moitos teredes comprobado.

viernes, septiembre 12, 2008

"Todos contra o Alzeheimer" en Salceda

O Coro Polifónico de Entenza presentou en rolda de prensa no Concello de Salceda de Caselas o Festival Benéfico “Todos contra o alzheimer”. Nesta rolda de prensa estiveron presentes o Alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, o Presidente do Coro Polifónico de Entenza, Juan Manuel Martinez, o Presidente da Federación Galega de Familiares de Enfermos de Alzheimer e presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, a Concelleira de Benestar Social, Mónica Vizcaya, a Concelleira de Cultura, Teresa Pérez e o Director do Coro Polifonico de Entenza, Javier Alonso. Con este Festival o Coro pretende recadar fondos para a Asociación AFAGA, que presta servizos de atención e información a familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias. Segundo o presidente desta asociación os fondos recaudados serán para programas que están desenvolvendo de axuda tanto ós enfermos como os familiares. O alcalde de Salceda agradeceu ó Coro Polifónico a súa implicación neste tipo de actos que considera moi importantes e quixo resaltar a actividade cultural continua deste grupo. Ademáis quixo facer un chamamento á cidadania para que participe neste acto e “así entre todos podamos contribuir á mellora de calidade de vida dos enfermos e os seus familiares”. Pola súa parte o Presidente do Coro agradeceu ós organismos, casas colaboradoras e grupos paticipantes que “lles boten unha man con esta causa solidaria”. Pola súa parte a Concelleira de Benestar Social, Mónica Vizcaya felicitou ós organizadores deste evento e afirmou que dende a súa concellaría estase traballando en programas tanto para evitar a dependencia como para mellorar e previr este tipo de enfermidades.
Os actos para o sábado 13 de setembro, comezarán ás 19:00 horas con xogos para nenos na praza do Concello para que a continuación, ás 21:00 horas de comezo ó Festival no auditorio municipal cos grupos Coro Polifónico de Entenza, Donicelas, Banda de Música Xuvenil de Salceda e o Grupo folclorico Inquedanzas de Tui. O prezo da entrada será de 2,50 € para adultos e de 1,50 € para os nenos de entre 7 e 14 anos

sábado, septiembre 06, 2008

I Serán Carballeira na Picoña

A Asociación de veciños Carballeira de Picoña (Salceda de Caselas) celebrará o vindeiro 27 de setembro o primeiro serán, no que ademáis de música e baile haberá chourizo e viño tinto para tódolos participantes. Este é o seu cartel anunciador.

martes, septiembre 02, 2008

XVI Festa dos Callos en Salceda

Este domingo terá lugar unha nova edición da Festa dos Callos de Salceda. A organización agarda superar as 15.000 racións servidas na última edición. A programación complétase con distintas actividades durante todo o fin de semana. Este é o seu cartel anunciador.