jueves, octubre 30, 2008

A historia de “Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart” en Tui

“Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart” é o título da obra que Encena Producións Artísticas representa este venres, ás 21.30h, no Teatro Municipal de Tui. Nesta obra a autora (Marga do Val) entra na traxedia de dúas mulleres, Aurora Rodríguez Carballeira (Roberto Cordovani) e a súa filla Hildegart (Eisenhower Moreno), na súa propia casa, para escoitar as súas palabras. Aurora Rodríguez é unha muller nacida en Ferrol (Galicia) en 1879 e falecida no psiquiátrico de Ciempozuelos, en Madrid en 1955, unha muller que desexou ser nai e non dubidou en seleccionar ao home que lle permitiría ter nas súas mans unha boneca de carne, que ela ía modelar desde o momento da fecundación, para crear á muller perfecta que salvaría á humanidade, a súa filla, Hildegart. Hildegart Rodríguez Carballeira nace en Madrid en 1914. Nena prodixio, moza revolucionaria e feminista, escritora e ensaísta consagrada con 18 anos de idade. Pertence á Liga da Reforma Sexual e milita nas Xuventudes Socialistas, organización que abandona, despois de realizar unha dura crítica e ofrecer unha nova lectura da obra de Marx, para achegarse ao anarquismo. Un día a nai descobre que a súa obra, a estatua humana, non é perfecta e desexa ter vida propia, como a escultora insatisfeita, debe destruíla. Aurora Rodríguez mata a súa filla, o 9 de xuño de 1933. Esta traxedia percorre o mundo como Aurora desexaba: que se conte a miña historia en todas as linguas. A historia contouse. A autora permanece atrapada entre as vidas e as obras de Aurora e a súa filla Hildegart, sen saber diferenciar entre unha e outra, ofrecendo moitas preguntas sobre a creación. No psiquiátrico as voces de Aurora, de Heloísa (Eisenhower Moreno) e dunha monxa (Marga do Val) que se move entre elas, ofrecen ao público, o baleiro da maternidade e as súas contradicións. Na atmosfera preséntese o cheiro a pólvora dos catro disparos que mataron a Hildegart, a inquedanza da arma e a morte simbólica da nai. Marga do Val escribiu Aurora Rodríguez e a súa moneca de carne para a Compañía Arte Livre que foi estreada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o 9 de decembro de 2002 e representada, con moito éxito de público e moi ben acollida pola crítica, en diferentes puntos de Galicia, en Valencia e en Portugal. En Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, a autora reescribe a súa propia obra, centrándose, esta vez, na maternidade e na creación literaria. Sobre o escenario está a propia autora, Marga do Val, xunto a Roberto Cordovani, que exerce tamén de director, e Eisenhower Moreno. A función comeza ás 21.30h e as entradas poranse á venda ás 20h ao prezo de 4,5€, 3,5€ con desconto e 2,5€ para os menores de 14 anos.

martes, octubre 28, 2008

IV Festival Internacional de Xardíns de Ponte de Lima

O pasado fin de semán achegámonos ata a localidade portuguesa de Ponte de Lima. O motivo non era outro que a celebración do 4º Festival Internacional de Xardins que levaba en marcha dende o mes de xuño e que remata este mes. A temática deste ano versaba sobre "as enerxías nos xardíns". Ponte de Lima ao igual que case tódolos pobos e vilas do norte de Portugal está perfectamente coidado e cando os comparas cos pobos e vilas da nosa bisbarra cáelle a un a alma ós pés. Creo que os nosos gobernantes deberían aprender un pouco da xestión dos espazos públicos que se fan nestes pobos portugueses. Con menos cartos e máis ideas conseguen cousas máis interesantes cas que atopamos a este lado do Miño. No seguinte album podes ver unha ampla reportaxe deste festival no que participou xente de todo o mundo dende Xapón ata Canada por poñer un exemplo.

sábado, octubre 25, 2008

Este domingo presentación do Clube Baloncesto Caselas

Este domingo día 26 de Outubro as 16:15 horas será a presentación oficial do Clube Baloncesto Caselas para esta nova tempada. E as 17:30 xogará o equipo senior o seu primeiro partido na casa contra o San José de La Guía. Fotos históricas do C.B. Caselas

miércoles, octubre 22, 2008

A conductora agresiva

No mes de xuño pasado apareceu unha noticia curiosa na maioría dos medios de comunicación. Nela informábase que unha veciña de Baiona atropelara intencionadamente a dous ciclistas, pai e fillo, cando ían de paseo pola carretera entre Mougás e Baiona (ler a noticia completa). O caso e que hoxe chegounos un vídeo do que pasou despois ata que chegou a policia que non ten desperdicio. Vendo o vídeo so teño dúas preguntas ¿onde lle deron o psicotécnico a esta muller? ¿Será culpa todo do cambio climático?

martes, octubre 21, 2008

Exposición fotográfica "Viaxando 08"

O pasado venres día 17 as 20:00 horas, procedeuse a inauguración oficial da exposición fotográfica "Viaxando 08" no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas, coa entrega do premio a gañadora deste ano. A exposición provén do certame "Viaxando", organizado por segundo ano consecutivo polas Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) dos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño, O Porriño, Baiona, Salceda de Caselas e a Casa da Xuventude de Tui, e que este ano logrou aumentar a participación a un total de 33 traballos presentados (un bo número tendo en conta a temática e a idade dos participantes, de 12 a 30 anos). O certame ademais está incluído dentro da rede de exposicións "Outono Fotográfico" coordinado pola Casa da Xuventude de Ourense e co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar. A gañadora do certame deste ano foi a moza do Rosal Mª Esther Álvarez Martínez coa fotografía que leva por título "Aeródromo de Santo Tomé del Puerto". A entrega do premio consistente nunha moderna cámara dixital foi efectuada pola Concelleira de Mocidade do Concello de Salceda Dona Teresa Pérez.

De esquerda a dereita, responsable da OMIX do Rosal, responsable da OMIX de Salceda, a gañadora do concurso e a concelleira de cultura de Salceda

jueves, octubre 16, 2008

Nancho Novo en Tui

O Teatro Municipal de Tui acolle esta fin de semana dobre función do espectáculo “Sobre flores y cerdos. Más Nancho que Largo” do actor galego Nancho Novo.Trátase dunha obra nada convencional na que Nancho Novo reflexiona sobre o nacemento do amor. Este showman fará disfrutar ao público cun espectáculo directo, divertido e insólito, no que a música ten tamén o seu protagonismo. Nesta obra Nancho Novo é o autor, director e protagonista, estando acompañado no escenario polo músico, e tamén actor, Pablo Castillo. Co seu particular estilo este polifacético galego emprega fragmentos musicais como fío condutor, para crear un espectáculo que afonda no amor, buscando a gargallada no público, pero reflexionando sobre o mundo da parella e os tópicos de xénero. As súas costas Nancho Novo ten un extenso currículo de representacións teatrais e cinematográficas, as que suma tamén a súa faceta coma autor teatral e director. Pero é tamén músico e dende hai dez ano ten o grupo “Castigados sin postre”. A cita será o venres ás 21.30h e o sábado ás 20.30h. A entradas teñen un prezo de 9€, 7€ con desconto para os posuidores do carné xove, carné máis, de estudante, xubilado, desempregado ou familia numerosa. Poranse á venda hora e media antes do comezo de cada función.

martes, octubre 14, 2008

Nova programación do Bar Liceum

Estes son os carteis da programación do Bar Liceum para o derradeiro trimestre do 2008. Está vez son 2 carteis en vez 1, xa que como novidade os amigos do Liceum van a organizar un ciclo especial de maxia con 5 excepcionais magos entre eles o mago Teto e o mago Antón que abrirán e pecharán o ciclo respectivamente. Para este venres como escomenzo da programación actuará o famoso cómico Rober Bodegas.


miércoles, octubre 08, 2008

“Contos e Romances” este venres no Teatro Municipal de Tui

A palabra é a gran protagonista este venres no Teatro Municipal de Tui co espectáculo “Contos e Romances” no que teñen a palabra a galega Paula Carballeira e a zamorana Victoria Gullón. A cita será ás 21.30h dentro da programación que organiza a Concellería de Cultura. Ao longo de 75 minutos dúas mulleres serán as grades protagonistas con historias propias e alleas de dúas terras diferentes pero semellantes, xa que en ambas a tradición oral ten un gran peso. Paula Carballeira é galega. É unha das contadoras do país amais de actriz en series coma Libro de Familia da TVG, formando parte amais da compañía Berrobambán. As mulleres están no punto de mira das historias que vai relatar, e coas que percorrerá o mundo dende Galicia, a China, Xapón, Islandia. Todas tiveron un papel relevante no seu tempo.
Mentres dende Zamora chega Victoria Gullón para mesturar voz e canto en forma de romance. A súa proposta é mergullarnos no mundo da memoria e sacar del cousas esquecidas. As entradas poranse á venda ás 20h no despacho de billetes na Área Panorámica ao prezo de 3,5€ para adultos, 3€ con desconto, e 2,5€ para os menores de 14 anos.

jueves, octubre 02, 2008

Limpeza simultánea de ríos en 22 concellos de Galiza

Este sábado día 4 de outubro terá lugar unha limpeza simultánea en 22 concellos de Galiza. A limpeza desenvolverase en colaboración con entidades e concellos que participan no Proxecto Ríos. Un dos problemas máis salientables que sofren os nosos ríos é a gran cantidade de lixo que aparece nos cauces e ribeiras. Dende o Proxecto Ríos quérese concienciar á sociedade da necesidade de manter limpos os nosos ríos como premisa para a conservación da súa saúde. A limpeza non pasa só por unha actividade illada dun día de retirada de lixo. Para a conservación dos ecosistemas fluviais cómpre desenvolver actitudes responsábeis cara o medio natural e depende de todos/as frear a contaminación que están a sufrir os ríos.
O Proxecto Ríos entregará aos grupos participantes un protocolo para difundir a limpeza ecolóxica e respectuosa dos ecosistemas fluviais, ademais de editar carteis divulgativos para cada zona cun teléfono de contacto para que se apunten as persoas que queiran participar.
Nesta xornada a implicación dos concellos é fundamental para garantir a recollida do lixo que se saque dos ríos, para proporcionar o material necesario para a limpeza e para asegurar aos voluntarios/as participantes.Este é o primeiro ano que o Proxecto Ríos coordina unha actividade de limpeza de ríos que continuará nos vindeiros anos con esta actuación aumentando os grupos e zonas nas que se realice a limpeza.
As persoas que queiran participar nesta actividade deberán anotarse previamente chamando ao teléfono do/a coordinador/a de cada zona para concretar a hora e lugar onde se vai realizar a limpeza.
Estes son os coordinadores dos concellos de O Porriño e Salceda:

PORRIÑO
Paula Domínguez
658 943 491

SALCEDA DE CASELAS: Asociación Trezecatorze
Fran Rei
615 421 199

miércoles, octubre 01, 2008

Este venres Sarabela Teatro en Tui

A compañía ourensá Sarabela Teatro presenta este venres en Tui a súa montaxe “Cristovo e o libro das Marabillas”. Trátase dun espectáculo cheo de imaxinación, que fará sorrir ao público e gozar co seu son. A cita é o venres ás 20h no Teatro Municipal.
Con esta obra Sarabela volve atoparse co seu público máis novo. A obra foi creada e está dirixida por Fina Calleja que botou man das figuras de Cristóbal Colón e Marco Polo e das súas aventuras para levarnos por unha viaxe extraordinaria cara ao mundo do coñecemento. O pequeno Cristovo, un neno moi curioso, é o protagonista desta historia, que percorre grazas ao libro “Sofía e o libro das Marabillas”.
Sobre o escenario estarán Fernando Dacosta, Tito Asorey, Sabela Gago, Elena Seijo e a propia Fina Calleja. José Bayón e Rubén Dobaños son os manipuladores dos monicreques que aparecen en escena. Contan amais coa colaboración especial de Ánxeles Cuña.
“Cristovo e o libro das marabillas” é unha obra de teatro infantil dirixida a un público familiar a partir dos seis anos. Pequenos e maiores disfrutarán desta viaxe imaxinaria, chea de corido e sons.
As entradas poranse á venda ás 18.30h no despacho de billetes na Área Panorámica ao prezo de 3€ para adultos, 2,5€ con desconto, e 2€ para os menores de 14 anos.