lunes, octubre 24, 2011

Xornadas de conciencia ecolóxica en Salceda


 As IV Xornadas de Conciencia Ecolóxica celebradas os pasados 22 e 23 de outubro en Salceda de Caselas obtiveron un éxito moderado para os socios da Treze-Catorze, Asociación Ecoloxista organizadora das Xornadas. “Cada ano acude máis xente ás Xornadas, tanto do noso pobo como dos concellos próximos”, afirma un vogal da asociación. A novidade deste ano foi o apadriñamento dun treito do río Caselas e a realización da primeira das análises periódicas que a asociación fará de aquí en diante. A Asociación conclúe que hai “boa calidade de augas no río, mais unha perda importante de biodiversidade no bosque de ribeira, destacando na flora a forte presenza de especies alóctonas invasoras”. Ao longo da fin de semana pasaron preto de duascentas persoas polo auditorio municipal.

miércoles, octubre 19, 2011

IV Xornadas de Conciencia Ecolóxica en Salceda

Os vindeiros 22 e 23 de outubro no auditorio municipal de Salceda de Caselas celebraranse as IV Xornadas de Conciencia Ecolóxica. A Asociación Ecoloxista Treze-Catorze, organizadora das catro edicións, bota man da experiencia e ofrece conferencias sobre pinturas ecolóxicas, o tratamento do solo na agricultura e a función das cooperativas de consumo. Ademais, haberá cinema, obradoiros de reciclaxe para nenos e unha visita guiada ás instalacións dunha empresa produtora de abonos orgánicos. En colaboración co Proxecto Ríos (Adega), a ACDE Treze-Catorze vai apadriñar un tramo do río Caselas co fin de ocuparse da súa custodia a través de análises periódicas. Con este acto arrancarán as xornadas o sábado a partires das 10:30h.

viernes, octubre 07, 2011

Exposición de María Soto en Salceda de Caselas

Unha nova exposición acaba de ser inaugurada na Casa da Cultura Alfonso daniel Rodríguez Castelao de Salceda de Caselas. Neste caso trátase dunha colección de María Soto, nacida en Ribadavia e afincada en Vigo, que expón por vez primeira en Salceda de Caselas. María conta con unha longa traxectoria de estudio en arte e restauración en Santiago de Compostela e en Vigo. Precisamente na súa cidade de residencia ten un taller de pintura e manualidades para nenos e maiores. Nos seus cadros utiliza cores acrílicas e óleos moi chamativos, con resultados impactantes e moi coloristas. Dende que a Casa de Cultura Alfonso Daniel Rodríguez Castelao se inaugurou una primavera do pasado ano, máis de 20 exposicións levan pasado xa pola mesma, contando con mostras de fotografía, pintura, concienciación medioambiental, escultura… Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, lembra unha vez máis que a sala de exposicións está aberta a todo aquel que queira amosar os seus traballos, xa sexa de Salceda ou de outro Concello. “Queremos un espazo dinámico onde continuamente se renoven as exposicións e se convirta nun espazo de referencia para os e as salcedenses, como realmente está xa a acontecer”.

jueves, octubre 06, 2011

II Festa Gastronómica do Corzo este domingo en Salceda

1000 racións desta preciada carne prepararanse este domingo en Salceda, na II Festa Gastronómica do Corzo organizada pola Asociación Xuvenil Entroido de Salceda de Caselas. A festa terá lugar este domingo día 9 de outubro no torreiro das Festas da Virxe da Concepción ao lado da igrexa parroquial Sta. María de Salceda. A festa contará coa actuación de varios grupos durante toda a xornada, ademáis poderase presenciar en directo o proceso de cociñado e elaboración deste exquisito prato. Tamén haberá servicio de bar e xamón asado para os que non lles guste a carne de Corzo.

martes, octubre 04, 2011

IV Limpeza simultánea de ríos


O pasado Domingo 2 de Outubro a Asociación Treze Catorze levou a cabo a IV Limpeza Simultánea de Ríos, colaborando co Proxecto Ríos (quen organiza este día de Limpeza Simultánea en numerosos concellos de Galicia dende o ano 2008). 14 voluntarios e voluntarias saíron ao Río Caselas para recoller o lixo que atenta contra a riqueza do principal río de Salceda. Un total de 80 quilogramos de refugallos foron extraídos. A Asociación Treze Catorze considera a actividade un éxito e anima a participar en vindeiras edicións para recoller ese lixo que acaba coa biodiversidade e beleza do Río Caselas. A nota positiva da xornada, segundo os organizadores, é que cada ano que pasa, o río está cada vez máis limpo. Sen embargo, como nota negativa destacan que segue habendo moito lixo que recoller. De ahí a necesidade de concienciar á veciñanza: axudar a manter un bo estado de conservación nos ecosistemas fluviais e facerlle ver que as pequenas accións valen moito. Por este motivo, a Asociación Treze Catorze vai dar un paso máis, e próximamente vai “apadrinar” un treito do Río Caselas. Acto simbólico no que a asociación se compromete a velar pola calidade das augas e a conservación dos ecosistemas nese treito de río