lunes, marzo 28, 2011

Vídeos da inauguración da Senda do río Caselas

O 19 de marzo os veciños e veciñas de Salceda inauguraron a Senda do Rio Caselas que vai dende As Pontes en Santa Maria ata O Rubal en Picoña. Unha gran cantidade de público escoitaron as verbas de Cándido Lorenzo, Concelleiro de Medio Rural, Enrique Cabaleiro, Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Besada, Alcalde de Salceda e Xoán Novoa, Comisario de Augas da Confederación Hidrográfica do Miño e Sil. Todos agradeceron a cesión dos terreos por parte dos case 200 propietarios e alabaron o traballo de tódalas empresas e persoas que colaboraron no proxecto. Esta senda de 2014 metros de lonxitude pasa por catro muiños recentemente restaurados (Muiño das Covas, dos Cregos, das Figueiras e o de Marcial) que conforman o Parque etnográfico dos Muiños do Río Caselas e por tres áreas recreativas (Covas, Fondóns e Rubal). Un dos muiños, o dos Cregos, vai ser o muiño-museo, que cont´´en varios paneis informativos e é o que está en funcionamento. Finalmente, o alcalde manifestou que xa están comprometidos pola Confederación Hidrogrfica do Miño e Sil outros 150.000 euros para ampliar o paseo dende As Pontes ata As Ribeirias (na Pedra). O estupendo blog Salceda Documental achéganos estes dous vídeos da inauguración.


miércoles, marzo 23, 2011

NOTA DE PRENSA DA COMUNIDADE DE MONTES DE SALCEDA

A directiva da mancomunidade de Montes de Salceda quere mostrar o seu malestar polo trato recibido pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia ante o plantón que protagonizaron dous técnicos comprometidos por esta para realizar unha charla informativa sobre a praga do nematodo do piñeiro.
O despropósito comezou xa coa tardanza en determinar pola Consellería das persoas encargadas da poñencia da citada charla. Estaba prevista inicialmente para o día 4 de marzo, pero ante falta de resposta da Consellería decidiuse trasladar para o día 11, xa que ata o día anterior non se confirmaron os técnicos encargados de explicala situación. Ante a falta de tempo para promocionar o acto decidiuse pospoñelo.
Despois de publicitalo acto para o venres 11 durante todas esa semana, o xoves 10 recíbese un fax onde se explica que os técnicos asignados non poden asistir por unha cuestión de axenda, xa que tiñan unha reunión en Santiago ese día ás 8 da noite, cousa sorprendente polo horario dos funcionarios. Nese mesmo fax informase que si se quere información sobre a praga ten que asistir unicamente a directiva da mancomunidade á Consellería para que logo esta lla comunique ós comuneiros e propietarios particulares, ós que ía dirixida a charla.
Ante este plantón, a Mancomunidade ponse en contacto coa Asociación Forestal de Galicia e esta lle proporciona un técnico que informa do “que sabe, pois a Consellería é moi opaca neste proceso e non ten as cousas claras nin lles aclara certas cuestións técnicas, importantes para as comunidades e propietarios particulares.”
A Mancomunidade de Montes pide que isto non volva a pasar e que a Consellería informe ós propietarios de montes con piñeiros dos seus dereitos e das súas obrigas dentro da área de restrición pola praga. Recorda tamén os ridículos 470 € que a Xunta lles otorgou como axuda para a prevención de incendios forestais o pasado ano.

viernes, marzo 18, 2011

II SERÁN FURANCHEIRO ESTE SABADO 19 EN PICOÑA

O Serán furancheiro de Picoña naceu coa idea de promocionar turísticamente este lugar de Salceda, descoñecido para moitos/as, e ó mesmo tempo facilitar a saida de excedentes do viño que colleitan númerosas persoas. Esta formula tamén ten un compoñente cultural e social , xa que se pretende que haxa o maior número de grupos musicais polas adegas e camiños da parroquia o que favorecen as relacións persoasi e sociais entre veciños/as e visitantes. Por outra banda, nestes momentos de crise, entendemos que os furanchos poden ser un paliativo para aquelas persoas que o están pasando mal económicamente.
Despois do éxito do ano pasado nos barrios de Loureiro e Fraga, este ano o Serán vaise levar a cabo nos barrios de Coto, Pedrapinta e Ataude. Cinco furanchos, moi pretos entre sí, abrirán as súas portas a partires das seis da tarde. Haberá dous lugares de estacionamento de vehículos no Centro Cultural e no anexo do Campo de Fútbol dende onde se poderá facer a visitas de forma circular.
A organización informa que os visitantes terán a súa diposición folletos onde se sinalarán os furanchos e camiños polos que chegar a eles. Ademáis agradece ós conductores máxima precaución xa que haberá moita xente camiñando polas estradas da parroquia.

miércoles, marzo 16, 2011

Vídeos do Entroido de Salceda

Hoxe achégovos estes vídeos, do estupendo blog Salceda Documental, sobre o desfile do venres do domingo e do martes de entroido en Salceda. En vindeiros días amosareivos as fotos que tomamos do entroido de O Porriño e de Salceda.





lunes, marzo 14, 2011

Presentación da Festa do Xabarín 2011

A Comisión de festas da Concepción 2011 presentou no día de onte a IV FESTA GASTRONÓMICA DO XABARÍN, para a presentación contouse coa presencia de parte dos cociñeiros encargados de elaborar a receita o día da festa.


Para poder facer fronte as 1700 racións, prepararanse máis de 500 quilos de xabarín, 300 quilos de pataca e 150 quilos de arroz, a un prezo de 10 euros a ración, 

acompañada tamén de viño e pan.

Para os que non lle guste o Xabarín tamén haberá xamón asado ou callos.

ACTIVIDADES DA FESTA :

*Pregón a cargo de EREA CASTRO participante do concurso "RECANTOS" do programa LUAR da TVG.
*Actuación dun grupo musical.
*Actuación da Charanga "Divertida".
*Actuación do grupo de baile Dinamikdancers.
*Chegada e saída da I Kedada de BTT - Xabarín 2011.
*En caso de choiva haberá carpa.
 

Data: 20 de marzo a partires das 10:00 hrs.
Lugar: Torreiro da festa da Virxe da Concepción, Salceda de Caselas.