martes, octubre 13, 2009

Chegou o tempo de loitar

Nas vindeiras semanas o novo goberno da Xunta derogará o decreto do galego, aprobado durante o mandato de Manuel Fraga, que vendo o que fan os seus cachorros acabará sendo un ilustre galeguista e defensor a ultranza da nosa lingua. Xa se ten falado moito deste tema, igual que da enquisa ou excusa que se usará para derogar dito decreto. Para os galegofalantes creo que chegou o momento de aparcar as verbas e comezar a loita. Para esta loita teremos que usar tódalas as armas ao noso alcance:

-Primeiro. Evitar accións que poidan ir contra dos defensores do galego. Feitos coma os acontecidos este fin de semana na Rúa Príncipe de Vigo, en nada benefician ao galego e en cambio poden ser usados polos seus detractores para desvalorar e desprestixiar aos defensores da nosa lingua.

-Segundo. Potenciar o consumo dos medios de comunicación que teñan como idioma único ou principal o galego. Na televisión témolo bastante cru cunha nova telegaita que xa vai soltando certo tufo nos seus telexornáis. Na prensa escrita xa temos outras opcións como Galicia-Hoxe, A Nosa Terra, A Peneira, etc. Aínda que estes xornáis non acaden a popularidade ou a diversidade de contidos doutros coma o Faro de Vigo ou La Voz de Galicia, estou seguro que se entre todos aumentamos a súa demanda, co tempo irían mellorando e obrigaría a estes máis coñecidos a aumentar o seu contido en galego.

-Terceiro. Favorecer positivamente as empresas que etiqueten os seus productos en galego. En similares condicións mercar sempre o producto etiquetado en galego. Na actualidade xa hai empresas que fan publicidade do seu leite decindo que so usan leite galego, isto é porque hai un grupo de consumidores que valoran que o leite sexa galego, aínda que non sexa o máis barato. Se hai un grupo importante de consumidores que valoren tamén que o producto estea etiquetado en galego as empresas non lles quedará outra que facer o etiquetado en galego.

-Cuarto. Elexir preferentemente para mercar as tendas, cadeas ou centros comerciais que fagan a súa publicidade en galego. Fixádevos nas vallas que vedes pola estrada, ¿cantas destas fan a súa publicidade en galego?. Son só unha pequena minoría.

-Quinto. Apuntarvos a proxectos coma limiar de galego que aposta pola creación dunha rede de escolas privadas en galego. Se os curas conseguiron facer as súas propias escolas, nós tamén podemos facelo.

-Sexto. Cando chamemos a un teléfono de asistencia telefónica, pedide sempre a opción de que vos atendan en galego, con iso conseguiredes dous beneficios, primeiro darlle traballo a alguén que sabe falar galego, e segundo e por experiencia propia, entenderan mellor os vosos problemas, xa que é máis complicado atopar unha persoa no Magreb ou en Latinoamerica que sepa falar galego.

-Séptimo. Participar en toda canta manifestación e acto a prol do galego se organice. Como a que terá lugar o vindeiro domingo día 18 en Santiago. Aos políticos non lle gusta nada té-la xente movilizada na súa contra, aínda que logo lle intenten quitar importancia dicindo que eran catro gatos ou que a única movilización válida é a das urnas. A ninguén lle gusta ter un grao no cú aínda que non vaia a morrer delo.

Se cada un de nós aporta o seu granciño de area, esa árbore feble que é o galego e que algúns queren enterrar, brotará con máis forza e cunhas pólas tan fortes que nin a bandada máis grande de gaivotas poderá dobregalas.

jueves, octubre 01, 2009

Son de Seu actúa este venres en Tui

O Teatro Municipal de Tui inaugura mañá venres, 2 de outubro, a programación cultural de outono cun concerto da orquestra folk “Son de Seu” única das súas características en Galicia. A cita será ás 21.30h. As entradas son gratuítas até completar o aforamento, debendo retirarse dende ás 20h no despacho de billetes, cun máximo de dúas localidades por persoa.
Son de Seu creouse no ano 2000 no Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo. Rodrigo Romaní dirixe aos 40 compoñentes desta agrupación que recrean o repertorio tradicional e de nova creación. O concerto é todo un espectáculo tanto pola interpretación coma pola coidada posta en escena. Nos seus concertos empregan instrumentos construídos na súa maioría no propio país por artesáns mesmo pertencentes á propia orquestra e arranxos contemporáneos na liña do xa clásico folk galego producidos en exclusiva para a formación polos profesores das aulas do conservatorio, todos eles con longa traxectoria no estilo.
Son de Seu é a primeira agrupación destas características en España e unha das primeiras en Europa. Arestora forman parte dunha organización europea entre cuxos obxectivos está formar outras orquestras similares noutros países da UE.
No concerto que mañá venres van ofrecer no Teatro Municipal de Tui os membros de Son de Seu van dalo todo no escenario, sen estar constriñidos pola pauta dun director xa que os propios músico plantean a dinámica en escena. O son que se poderá escoitar é o máis puro posible, xa que empregarán a máis mínima expresión de amplificación. Buscarán meter ao espectador no ambiente musical da orquestra. A cita será ás 21.30h.