martes, agosto 30, 2011

Salceda prepara 15.000 racións de callos para o vindeiro domingo

O Concello de Salceda de Caselas ven de presentar a XIX edición da Festa dos Callos, que se celebrará o vindeiro 4 de setembro. Na presentación, ademáis de Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, e Marcos Besada, alcalde de Salceda, como ven sendo habitual estiveron tamén presentes representantes do Concello do Porriño, neste caso Marcelino Coto, Tenente de alcalde e Mª Jose Martínez, Concelleira de Medioambiente e Sanidade, ademáis de Alejandro Alonso e Julio Barros en representación da empresa Frigolouro.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, destacou que con esta festa péchase o ciclo festivo do verán. Agradeceu a presenza dos compañeiros do Porriño, cos que bromeou co tema do viño, xa que Porriño segue apostando polo branco, mentres que Salceda se pasou ao tinto. Destacou o “irmandamento” entre os dous concellos, non só no refrente aos callos, senon que se trata de dous concellos que van da man en moitos proxectos e no día a día. O alcalde lembrou que se espera a presencia dunhas 20.000 persoas e agradeceu a implicación do persoal do Concello asi como dos máis de 50 voluntarios que traballarán na festa.
Alejandro Alonso, xefe de cociña do equipo de Frigolouro dixo que este ano se van preparar uns 5.900 kg. de producto, o que se traduce nunhas 15.000 racións. Así mesmo, reiterou que ninguén que desexe probar os callos se vai ir sen facelo, porque están preparados para satisfacer toda a demanda que se presente. Para preparalos utilizará 1500 kilos de ventre vacún, 750 kg de pata, 375 kg de lacón curado, 325 kg de chourizo e 1600 kg de garbanzos.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, dixo que está a ultimar os derradeiros detalles para a Festa. Os actos comezarán na noite do sábado 3 co monólogo de Quico Cadaval ás 21:30 no Auditorio, para o cal xa se poden adquirir as entradas no Concello, e rematarase a noite coa celebración do V Serán dos Callos, polo que dende a Concellaría se quere convidar a todos aqueles grupos de gaiteiros, pandeireteiras e demáis que se acheguen a Salceda a participar deste serán.
O domingo 4 será o día grande, con reparto de callos dende primeiras horas da mañá, amenizando a festa a charanga Sghae de Salceda, que ese día fará a súa presentación ao público. Ás 12:00 será a lectura do Pregón, que este ano correrá a cargo do actor Quico Cadaval. Ás 20:00 horas será o turno de Marful, que ofrecerá un concerto na Praza do Concello como peche a estas festas.
Tamén os comerciantes de Salceda teñen previsto celebrar Exposalceda, mercadiño de oportunidades, que se ubicará no Pavillón dos Deportes e que se celebrará o sábado e o domingo, ao igual que a Asociación de Xubilados e Pensionistas que volverán celebrar a exposición de antigüedades na Devesa.

No hay comentarios: