A Asociación de Veciños, Agrícola e Cultural, San Tomé de Parderrubias convida tódolos grupos de música tradicional a participar no serán anual.
A quinta edición desta festa tradicional, no sábado 2 de outubro, a partir das 21:30 hs, terá lugar no Torreiro da Igrexa, espazo de actividades da parroquia salcedense de Parderrubias.
O sitio estará a resgardo de posibles inclemencias metereolóxicas xa que a organización ten previsto cubrilo cunha carpa.
Pola súa parte agasállase aos participantes no Serán con produtos da gastronomía tradicional; entre outros co bolo do pote; especialidade que na localidade se trata de recuperar, xa que se trata dun complemento alimenticio altamente consistente elaborado con fariña de millo; acompáñase de touciño e chourizo; todo elo regado con viño da zona.
3ª Exposición da Colleita e conferencia
Ao mesmo tempo, durante o sábado 2 e o domingo 3 de outubro, abrirase a “3ª Exposición da Colleita" na que veciñas e veciños da parroquia expoñen produtos, recollidos nesta época do ano, e ferramentas diversas relacionadas coas actividades agrícolas.
No domingo, ademais de continuar a exposición, pola tarde a partir das 18:00 hs. está prevista unha conferencia coa tema “Novas actividades no entorno rural”, referida ás seguintes experiencias relacionadas coa actividade agro-gandeira e a explotación de recursos forestais no monte comunal:
-"Explotación gandeira en monte comunal - experiencia en Cabeiras-Arbo",
-"Biomasa forestal, enerxía e desenvolvemento rural".
No hay comentarios:
Publicar un comentario