"Bos días, veciños e veciñas de Salceda e arredores.
Primeiro de todo, darvos as grazas pola vosa presenza nesta manifestación.
A continuación aclarar que este acto foi convocado pola Plataforma en defensa dos servizos sanitarios en Salceda composta polas seguintes asociacións: Asociación de Veciños Caselas, Asociación de Veciños de San Xurxo, Asociación de Veciños Carballeira de Picoña, Asociación de Veciños Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias, Asociación de Veciños Escola da Feira e Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda.
O obxectivo desta manifestación é pedir a reposición dos servizos médicos no centro de saúde de Salceda de Caselas ós sábados pola mañá, despois do seu traslado para o PAC de O Porriño. Esta decisión foi tomada polo SERGAS con nocturnidade e aleivosía, da noite para a mañá, sen dar ningún tipo de información previa ós cidadáns. Aqueles que o 3 de xullo tiveron que asistir a urxencias atopáronse cun simple carteliño na porta que dicía que tiñan que ir ó Porriño.
Esta Plataforma, a partires de que tivo coñecemento desta decisión, levou a cabo varias actuacións:
-Notas de prensa anunciando este cambio, as consecuencias que traería e posicionamento en contra.
-Colocación dunha pancarta en frente do Centro de Saúde en contra do traslado do servizo.
-Solicitude e consecución dunha moción do Pleno do Concello de Salceda de Caselas en contra do traslado so servizo dos sábados pola mañá e solicitude ó Sergas do retroceso desta decisión.
-Presentación de dúas mil sinaturas de veciños e veciñas de Salceda en contra do cambio e instándolle ó Sergas a dar marcha atrás.
-Reunión co Xerente de Atención Primaria do Sergas, na Xerencia, na Rúa Rosalía de Castro, na que estiveron presentes un representante de cada asociación que conforman esta plataforma, o alcalde de Salceda de Caselas e un representante de cada partido político da corporación municipal. Nesta entrevista, o Xerente, Javier Caramés tentou convencer ós asistentes de que este traslado para o Porriño era o mais beneficioso para a poboación de Salceda.
-Asemblea informativa no Auditorio Municipal á que asistiron unhas 300 persoas enchendo o local. Nesta asemblea foi onde se decidiu organizar esta manifestación por maioría dos asistentes.
-E xa por último, ata o de agora, esta manifestación na que estamos todos e todas aquí presentes.
Os motivos polos que nos opoñemos a este traslado son os seguintes:
-O resultado deste traslado supón unha nova perda dun servizo básico por parte dos veciños e veciñas de Salceda de Caselas que teñen que trasladarse ó concello veciño de O Porriño para recibir asistencia sanitaria. “Hai uns anos xa se perdeu o dereito a ter urxencias en Salceda na fin de semana e agora pretenden rematar con este proceso eliminando tamén o servizo ordinario do sábado pola mañá
-A poboación máis afectada vai a ser a menos protexida: as persoas maiores, aquela xente que non dispón de vehículo propio, os nenos e nenas e en xeral toda a poboación que a partires de agora vai ter que desprazarse ó Porriño.
-Os motivos reais para este cambio son unicamente para que o persoal médico faga menos sábados e polo tanto menos horas semanais co mesmo salario. Así nolo recoñeceu o xerente de atención primaria na entrevista dicindo que a iniciativa partira deles e que hai que tratalos ben para que aprendan a utilizar novos aparatos médicos. Aclarar que para os médicos o sábado pola mañá non son guardias nin horas extras, senón que é un horario ordinario,
-A escusa de mellor dotación do centro de saúde de O Porriño non é correcta, xa que a maquinaria que ten a maiores o de Salceda (retinografía, desfibrilador ou ambulancia asistencial) non están dispoñibles os sábados pola mañán no Porriño ou xa existen en Salceda
-Por outra banda porcentualmente os médicos en Porriño van atender moita máis xente xa que aquí había un medico para 8.000 persoas e no PAC de Porriño a media por médico vai a ser de 14.000. Cando haxa tres urxencias domiciliarias quedaría o centro de saúde de Porriño igualmente sen atención médica.
-Económicamente ó Sergas vaille a supor o mesmo gasto ter aberto o Centro de Saúde de Salceda que non, xa que o mantemento sopórtao o Concello de Salceda de Caselas e ó persoal vaille ter que pagar igual.
Por todo isto instamos ó Sergas a que dea marcha atrás nesta decisión e non nos quite este servizo que viña funcionando dunha forma correcta ata o de agora.
Que non nos quiten servizos, xa que en Salceda cada día somos máis, senón mais ben ó contrario, teñennos que ofrecer máis. A sanidade é un servizo básico onde non hai que escatimar. A saúde de todos nós, non é unha broma e con ela non se xoga.
Sergas, devolución do servizo xa !!!!!!
Sergas, devolución do servizo xa !!!!!!
Sergas, devolución do servizo xa !!!!!!"
No hay comentarios:
Publicar un comentario