martes, septiembre 15, 2009

II Serán Carballeira o sábado 26 na Picoña

Os seráns eran xuntanzas festeiras dos nosos antergos, que despois de traballar nas tarefas agrícolas reuníanse para cantar e bailar. Os actuais seráns proveñen desas xuntanzas e son organizados normalmente por asociacións culturais que pretenden recuperar os cantes e melodías tradicionais da nosa terra, así como as tradicións propias da nosa terra.
A Asociación de Veciños Carballeira no seu intento de conservar o patrimonio cultural etnográfico e musical da parroquia de Picoña, do Concello de Salceda de Caselas e en xeral de Galicia toma a iniciativa de organizar o II Serán Carballeira.
Por todo elo propoñense recuperar esas manifestacións culturais. O obxectivo é que conflúan xente maior con xente nova para que os primeiros lle transmitan as súas experiencias, músicas e cantigas así como as tradicións da zona. En Picoña, así como noutras parroquias veciñas aínda viven persoas que formaron parte daqueles seráns e que aínda tocan instrumentos como gaitas, requintos, bombos, Caixas, pandeiros ou pandeiretas ou fan da voz o mellor instrumento.
O II Serán Carballeira celebrarase no torreiro de festas de A Picoña, chamado “Adro” e a el convidarase a tódolos grupos de música tradicional que queiran asistir, así como a calquera persoa ou grupo de persoas que queiran subir ó escenario para cantar, tocar ou bailar calquera peza tradicional.
Ademais vaise organizar unha exposición de fotos antigas entre as que se destacarán aquelas que teñan un contido festivo-musical. Tamén se pretende facer unha exposición de obxectos antigos.
Esperase que se acheguen ata o Torreiro de Festas de Picoña unhas 500 persoas procedentes de toda a provincia de Pontevedra.

No hay comentarios: