viernes, septiembre 25, 2009

Este domingo II Xornadas de Limpeza do Río Caselas

Despois do éxito da primeira xornada de limpeza simultánea en ríos do ano pasado, repítese a experiencia o vindeiro domingo 27 de setembro. Este ano volve a ser a Asociación Cultural, Deportiva e Ecoloxista Treze Catorze a que organiza as II Xornadas de Limpeza do Río Caselas en Salceda de Caselas en colaboración con ADEGA e o Proxecto Ríos. Estas xornadas están incluídas na II Limpeza Simultánea de Riós que ADEGA organiza en toda Galicia e que conta coa colaboración de 22 institucións doutros tantos concellos.
Un dos problemas máis agravantes que sofren os nosos ríos segue a ser a gran cantidade de lixo que aparece nos cauces e ribeiras. Sobor de todo plásticos e entullos, elementos case habituais nos cursos fluviais e en moitos dos nosos montes. Dende a Asociación Treze Catorze e o Proxecto Ríos queremos concienciar á sociedade da necesidade de manter limpos os nosos ríos como premisa para a conservación da súa saúde. A limpeza non pasa só por ser unha actividade illada dun día de retirada de lixo. Para a conservación dos ecosistemas fluviais cómpre desenvolver actitudes responsables cara o medio natural e depende de todos/as frear a contaminación que están a sufrir os ríos. O coidado e o respecto polo entorno farían innecesarias nun futuro actividades como esta.
A Asociación Treze Catorze e o Proxecto Ríos entregarán aos grupos participantes un protocolo para difundir a limpeza ecolóxica e respectuosa dos ecosistemas fluviais, ademais de editar cartaces divulgativos para cada zona cun teléfono de contacto para que se apunten as persoas que queiran participar.
Nesta xornada a implicación do concello é fundamental para garantir a recollida do lixo que se saque dos ríos, para proporcionar o material necesario para a limpeza e para asegurar aos voluntarios/as participantes. O pasado ano retirouse un total de 11.020 toneladas de lixo (estimados) en toda Galicia e aproximadamente uns 120 Kg. en Salceda, de orixe diverso e incluso variopinto (neveiras, rodas, radiografías, colchóns...) Neste ano animamos aos participantes a pesar o lixo retirado e a difundir no propio concello a idea de que o río non é un vertedoiro.
As persoas que queiran participar nesta actividade deberán anotarse previamente chamando ao teléfono do coordinador da Asociación (615421199) ou email (trezecatorze@gmail.com) para confirmar a asistencia. A hora de saída será as 9.30 horas do domingo 27 de setembro na praza do concello de Salceda de Caselas.

No hay comentarios: