lunes, marzo 23, 2009

O BNG de Salceda pide o cumprimento efectivo de horarios ó persoal ao servizo do Concello

A Asemblea Local do BNG, reunida o sábado día 14 de marzo, entre outros asuntos avaliou o proceso seguido para a elaboración dos orzamentos para este ano 2009 e a súa aprobación polo Pleno do concello o pasado venres. En relación co capítulo de persoal, a Asemblea Local valorou que nunha situación de crise como a que se está a vivir é fundamental contar cun cadro de persoal efectivo, tanto funcionarios como laborais, que desenvolva a súa actividade diaria con eficiencia e clara vontade de servizo aos cidadáns, principais destinatarios dos servizos que o Concello lles debe prestar coa máxima calidade e en óptimas condicións. Neste contexto, o BNG de Salceda considera necesario mellorar a produtividade individual e de conxunto dos servizos. Un exercicio profesional e sen privilexios debe levar a que o persoal adscrito aos diversos servizos municipais sexa efectivo nas súas actividades diarias. Nesta liña o BNG pídelle ao Alcalde de Salceda que estableza o cumprimento efectivo do horario semanal, atendendo as previsións legais vixentes, é dicir, para o persoal funcionario 37 horas e ½ semanais, e 40 horas semanais para o persoal laboral. O BNG considera que as cidadás e os cidadáns de Salceda de Caselas deben percibir claramente que tanto o goberno municipal como persoal do Concello (tanto os funcionarios como o persoal laboral) cumpren co seu cometido no Concello e se esforzan por aportar todo o posible para sobrepoñerse a un momento de dificultade; e, dese xeito, apoiar a aqueles concidadáns que se ven inmersos en graves situacións, como poden ser afrontar dificultades económicas ou incluso a perda do emprego. Por último a Asemblea Local apoia o proceso de regularización iniciado polo Goberno Municipal, coa previsión orzamentaria de crear na plantilla de persoal unha praza de funcionario/a (Arquitecto/a),e duas de persoal laboral fixo (Técnica/co Local de Emprego, e Técnica/co de Información Xuvenil), cumprindo así o criterio de ir regularizando prazas empezando polas categorías mais altas.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Mira ti para os funcionarios de Salceda non cumpren os seus horarios e aínda se atreven a protestar, claro era campaña electoral. Deberían aprender do gran Marcelino Camacho que decía que para protestar primeiro había que cumplir empezando polos horarios. Nalgúns deles aínda se nota a man de papá Chicho