martes, octubre 21, 2008

Exposición fotográfica "Viaxando 08"

O pasado venres día 17 as 20:00 horas, procedeuse a inauguración oficial da exposición fotográfica "Viaxando 08" no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas, coa entrega do premio a gañadora deste ano. A exposición provén do certame "Viaxando", organizado por segundo ano consecutivo polas Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) dos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño, O Porriño, Baiona, Salceda de Caselas e a Casa da Xuventude de Tui, e que este ano logrou aumentar a participación a un total de 33 traballos presentados (un bo número tendo en conta a temática e a idade dos participantes, de 12 a 30 anos). O certame ademais está incluído dentro da rede de exposicións "Outono Fotográfico" coordinado pola Casa da Xuventude de Ourense e co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar. A gañadora do certame deste ano foi a moza do Rosal Mª Esther Álvarez Martínez coa fotografía que leva por título "Aeródromo de Santo Tomé del Puerto". A entrega do premio consistente nunha moderna cámara dixital foi efectuada pola Concelleira de Mocidade do Concello de Salceda Dona Teresa Pérez.

De esquerda a dereita, responsable da OMIX do Rosal, responsable da OMIX de Salceda, a gañadora do concurso e a concelleira de cultura de Salceda