miércoles, octubre 08, 2008

“Contos e Romances” este venres no Teatro Municipal de Tui

A palabra é a gran protagonista este venres no Teatro Municipal de Tui co espectáculo “Contos e Romances” no que teñen a palabra a galega Paula Carballeira e a zamorana Victoria Gullón. A cita será ás 21.30h dentro da programación que organiza a Concellería de Cultura. Ao longo de 75 minutos dúas mulleres serán as grades protagonistas con historias propias e alleas de dúas terras diferentes pero semellantes, xa que en ambas a tradición oral ten un gran peso. Paula Carballeira é galega. É unha das contadoras do país amais de actriz en series coma Libro de Familia da TVG, formando parte amais da compañía Berrobambán. As mulleres están no punto de mira das historias que vai relatar, e coas que percorrerá o mundo dende Galicia, a China, Xapón, Islandia. Todas tiveron un papel relevante no seu tempo.
Mentres dende Zamora chega Victoria Gullón para mesturar voz e canto en forma de romance. A súa proposta é mergullarnos no mundo da memoria e sacar del cousas esquecidas. As entradas poranse á venda ás 20h no despacho de billetes na Área Panorámica ao prezo de 3,5€ para adultos, 3€ con desconto, e 2,5€ para os menores de 14 anos.