jueves, junio 19, 2008

XV Aniversario da Radio Municipal de Tui

O Teatro Municipal de Tui, na Área Panorámica, acolle este venres, 20 de xuño, ás 21h, o acto central da celebración do XV Aniversario da Radio Municipal de Tui, RMT.
Máis dun centenar de colaboradores que ao longo destes anos teñen pasado pola RMT e a Televisión de Tui, volverán reunirse neste evento, para compartir e lembrar o seu paso por estes dous medios de comunicación. O acto contará cunha nutrida representación da sociedade tudense e das asociacións do municipio. As autoridades serán presididas polo Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha acompañado polos membros da corporación municipal. Neste evento contarase tamén coa presenza do Decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro e o Secretario Xeral de EMUGA, Enrique Sanfiz.
No transcurso deste evento, que durará entorno a 45 minutos, proxectarse un vídeo con imaxes destes quince anos tanto da Radio como da Televisión, repasando algúns dos programas emitidos, e a historia deste tempo de comunicación.
O Cuarteto Caramuxo, integrado por Fernando Abreu, Felipe González, Óscar Prieto, Juan Carlos Vázquez, Alonso Caxade e Patricia Cela, ofrecerá un pequeno concerto.
E na quenda de intervencións tomarán a palabra o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o Decano do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, o Secretario Xeral de EMUGA, Enrique Sanfiz, e o Director da RTMT, Jose A. Font.
O acto será aberto ao público en xeral até completar o aforamento do Teatro Municipal.