martes, junio 03, 2008

XV aniversario da Radio Municipal de Tui

O Teatro Municipal de Tui acolle mañá mércores, ás 20.30h, unha conferencia a cargo da xornalista Ángeles Caso titulada “Las olvidadas. Una historia de mujeres creadoras”. Esta acto abre o programa de actividades de celebración do XV Aniversario da Radio Municipal de Tui. A conferencia chega a Tui no marco do ciclo “Periodismo siglo XXI” grazas a colaboración entre Caixanova e o Concello de Tui.
Ángeles Caso fixo xornalismo escrito, radiofónico e televisivo, presentando os informativos da TVE. Traballou posteriormente en institucións coma a Fundación Príncipe de Asturias. Realiza tamén unha inxente produción literaria sendo finalista en 1994 do Premio Planeta con “El peso de las sombras” e en 2000 gañou o premio Fernando Lara de novela con “Un largo silencio”.
Na conferencia que ofrecerá o mércores en Tui abordará a vida dun grupo de mulleres que escaparon ás normas e trataron de desenvolver a intelixencia e o talento. Mulleres creadoras e sabias, escritoras, artistas ou compositoras, coma Hildegarda de Bingen, conselleira de papas e emperadores, Cristina de Pisan, cronista da historia de Francia, Beatriz Galindo, preceptora de latín de Isabel a Católica, Sofonisba Anguissola, retratista na corte de Felipe II ou María de Zayas, novelista de éxito no Século de Ouro, entre outras. Pero a historia borrounas dos seus índices postergándoas de novo no silencio do que elas tentaran fuxir.
A entrada será libre até completar o aforamento.

No hay comentarios: