domingo, marzo 30, 2008

I Festa do xabarín en Salceda

O pasado sábado presentouse en Salceda de Caselas a primeira festa gastronómica do xabarín, a celebrar o vindeiro domingo día 6 de abril no recinto de festas de Santa María de Salceda. A idea xurde a raíz da afición á caza existente na zona, onde se organizan batidas de xabarín entre agosto e febreiro, cunha función de control da cría desta especie, tan perxudicial no rural, sobre todo no que se refire aos campos e cultivos. Así pois, xurde esta idea de facer unha festa gastronómica do xabarín, e van ser os membros e membras da Comisión de Festas da Virxe da Concepción 2008 os encargados de levala a cabo. Poranse á venta case 200 kilos de xabarín, repartidos nunhas 700 racións. Os comensais, por un prezo de 10 euros, poderán degustar esta apreciada carne acompañada de arroz e patatas, pan, viño e café. A festa estará amenizada pola música e a alegría da Charanga Divertida de Salceda. Unhas 20 persoas traballarán para que todo saia da mellor maneira. Baixo a dirección do cociñeiro Serafín, a carne estará en maceración durante tres días, nunha mestura de herbas e viño tinto Rioxa. Despois será estofada a fogo lento durante unhas dúas horas aproximadamente, quedando así lista para a súa degustación. O cociñeiro preferiu non dar a súa exitosa receita, gardándoa como un prezado tesouro.
Membros da comisión de festas Virxe da Concepción 2008