viernes, julio 04, 2008

Charla sobre o Banco de Terras en Salceda

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de crear o Banco de Terras, para tentar de mobilizar terras agrarias mediante aluguer. Trátase, polo tanto, de crear riqueza e emprego mediante o arrendamento de fincas agrarias abandonadas ou improdutivas. Un banco público, onde calquera persoa pode inscribir - de xeito voluntario- as súas fincas, para permitir que sexan arrendadas por períodos máximos de cinco anos. Un banco público onde aquelas persoas que se dediquen a agricultura poidan arrendar fincas, sabendo en todo momento cales están dispoñibles, a que prezo e en que condicións. Uns prezos de referencia que resulten interesantes para os propietarios e agricultores, que fixará e actualizará cada ano a Xunta de Galicia, coa participación das institucións, organizacións sindicais agrarias e cooperativas. Un Banco de Terras que lles garanta ao propietario o cobro da renda de aluguer e a devolución da finca nas mesmas condicións de uso cando remate o período de arrendamento.
Para explicar como vai funcionar o arrendamento de terras o próximo día 21 de agosto as 20:30 horas terá lugar no Centro de Experimentación Agraria do Baixo Miño en Entenza (Salceda de Caselas) unha CHARLA INFORMATIVA SOBRE O BANCO DE TERRAS DE GALICIA.

No hay comentarios: