lunes, octubre 24, 2011

Xornadas de conciencia ecolóxica en Salceda


 As IV Xornadas de Conciencia Ecolóxica celebradas os pasados 22 e 23 de outubro en Salceda de Caselas obtiveron un éxito moderado para os socios da Treze-Catorze, Asociación Ecoloxista organizadora das Xornadas. “Cada ano acude máis xente ás Xornadas, tanto do noso pobo como dos concellos próximos”, afirma un vogal da asociación. A novidade deste ano foi o apadriñamento dun treito do río Caselas e a realización da primeira das análises periódicas que a asociación fará de aquí en diante. A Asociación conclúe que hai “boa calidade de augas no río, mais unha perda importante de biodiversidade no bosque de ribeira, destacando na flora a forte presenza de especies alóctonas invasoras”. Ao longo da fin de semana pasaron preto de duascentas persoas polo auditorio municipal.

miércoles, octubre 19, 2011

IV Xornadas de Conciencia Ecolóxica en Salceda

Os vindeiros 22 e 23 de outubro no auditorio municipal de Salceda de Caselas celebraranse as IV Xornadas de Conciencia Ecolóxica. A Asociación Ecoloxista Treze-Catorze, organizadora das catro edicións, bota man da experiencia e ofrece conferencias sobre pinturas ecolóxicas, o tratamento do solo na agricultura e a función das cooperativas de consumo. Ademais, haberá cinema, obradoiros de reciclaxe para nenos e unha visita guiada ás instalacións dunha empresa produtora de abonos orgánicos. En colaboración co Proxecto Ríos (Adega), a ACDE Treze-Catorze vai apadriñar un tramo do río Caselas co fin de ocuparse da súa custodia a través de análises periódicas. Con este acto arrancarán as xornadas o sábado a partires das 10:30h.

viernes, octubre 07, 2011

Exposición de María Soto en Salceda de Caselas

Unha nova exposición acaba de ser inaugurada na Casa da Cultura Alfonso daniel Rodríguez Castelao de Salceda de Caselas. Neste caso trátase dunha colección de María Soto, nacida en Ribadavia e afincada en Vigo, que expón por vez primeira en Salceda de Caselas. María conta con unha longa traxectoria de estudio en arte e restauración en Santiago de Compostela e en Vigo. Precisamente na súa cidade de residencia ten un taller de pintura e manualidades para nenos e maiores. Nos seus cadros utiliza cores acrílicas e óleos moi chamativos, con resultados impactantes e moi coloristas. Dende que a Casa de Cultura Alfonso Daniel Rodríguez Castelao se inaugurou una primavera do pasado ano, máis de 20 exposicións levan pasado xa pola mesma, contando con mostras de fotografía, pintura, concienciación medioambiental, escultura… Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, lembra unha vez máis que a sala de exposicións está aberta a todo aquel que queira amosar os seus traballos, xa sexa de Salceda ou de outro Concello. “Queremos un espazo dinámico onde continuamente se renoven as exposicións e se convirta nun espazo de referencia para os e as salcedenses, como realmente está xa a acontecer”.

jueves, octubre 06, 2011

II Festa Gastronómica do Corzo este domingo en Salceda

1000 racións desta preciada carne prepararanse este domingo en Salceda, na II Festa Gastronómica do Corzo organizada pola Asociación Xuvenil Entroido de Salceda de Caselas. A festa terá lugar este domingo día 9 de outubro no torreiro das Festas da Virxe da Concepción ao lado da igrexa parroquial Sta. María de Salceda. A festa contará coa actuación de varios grupos durante toda a xornada, ademáis poderase presenciar en directo o proceso de cociñado e elaboración deste exquisito prato. Tamén haberá servicio de bar e xamón asado para os que non lles guste a carne de Corzo.

martes, octubre 04, 2011

IV Limpeza simultánea de ríos


O pasado Domingo 2 de Outubro a Asociación Treze Catorze levou a cabo a IV Limpeza Simultánea de Ríos, colaborando co Proxecto Ríos (quen organiza este día de Limpeza Simultánea en numerosos concellos de Galicia dende o ano 2008). 14 voluntarios e voluntarias saíron ao Río Caselas para recoller o lixo que atenta contra a riqueza do principal río de Salceda. Un total de 80 quilogramos de refugallos foron extraídos. A Asociación Treze Catorze considera a actividade un éxito e anima a participar en vindeiras edicións para recoller ese lixo que acaba coa biodiversidade e beleza do Río Caselas. A nota positiva da xornada, segundo os organizadores, é que cada ano que pasa, o río está cada vez máis limpo. Sen embargo, como nota negativa destacan que segue habendo moito lixo que recoller. De ahí a necesidade de concienciar á veciñanza: axudar a manter un bo estado de conservación nos ecosistemas fluviais e facerlle ver que as pequenas accións valen moito. Por este motivo, a Asociación Treze Catorze vai dar un paso máis, e próximamente vai “apadrinar” un treito do Río Caselas. Acto simbólico no que a asociación se compromete a velar pola calidade das augas e a conservación dos ecosistemas nese treito de río

miércoles, septiembre 21, 2011

O concello de Salceda realiza melloras nos colexios

O Concello de Salceda de Caselas, ao traverso da Concellaría de Ensino que dirixe Tere Pérez realizou importantes obras de mellora nos centros escolares do municipio. Así, no CRA Raíña Aragonta foron varias as obras realizadas como reparación de paredes e pintado nas aulas de San Xurxo, Soutelo e Budiño, que estaban en moi mal estado, o que supuxo unha importante reforma nas mesmas. No caso de Budiño colocáronse tamén paneis de corcho ao longo de toda a aula, facilitando o traballo de colgado dos diferentes traballos realizados polo alumnado. Así mesmo, nesta aula procedeuse á reparación da rampa e as escaleiras de acceso, espazos empregados ademáis de cómo zona de paso tamén como zona de ocio e recreo polos nenos e nenas. Ademáis rematouse e acondicionouse o patio exterior do colexio de Revolta, obra que quedara pendente da lexislatura anterior. Por outra banda, nesta semana estase a colocar caucho nos patios cubertos de Soutelo e Budiño, obra que se realiza aproveitando as xornadas de folga do profesorado, polo que non supón molestia no día a día dos colexios. No caso da escola de Fontán, e en resposta ás declaracións do PP en que se acusa ao goberno de non ter realizado as obras no verán, a Concelleira de Ensino fai a seguinte aclaración: o que inicialmente iba ser unha obra de pintado, polo mal estado das paredes supuxo unha obra maior na que prácticamente habería que reconstruílas. Colocáronse paneis de corcho na parte inferior das paredes, que era a parte que presentaba un peor estado, e decidiuse deixar a reparación do resto das paredes para as vacacións de Nadal, estando a aula preparada para recibir aos alumnos o primeiro día de curso escolar. Foi a propia mestra e o equipo directivo os que solicitaron que a obra se levase a cabo durante o curso escolar, polo que eles mesmos reubicaron aos alumnos na aula anexa. As obras estanse a levar a cabo en total coordinación co profesorado, sen causar ningún tipo de molestia nen entorpecer o normal desenrolo das clases, e quedarán rematadas esta mesma semana. Tere Pérez, Concelleira de Ensino, destacou a posta a punto dos colexios como prioridade absoluta na súa área, traballando en todo momento en constante diálogo e cooperación tanto cos mestres como coa propia dirección dos centros, evitando calquera molestia que as obras pudiesen causar no curso escolar.

miércoles, septiembre 14, 2011

Salceda saneará a zona industrial do Cerquido e Budiño

Os veciños e veciñas de San Estevo de Budiño están de noraboa xa que proximamente comezarase ás obras de instalación do saneamento nesta parroquia, despois de que o Pleno do Concello celebrado o 26 de agosto aprobara por unanimidade e puxera a disposición da Consellería de Medio Ambiente, os terreos necesarios para executar o Proxecto de Saneamento de San Estevo de Budiño (O.H. 336.912). O pequeno tramo, que descorre por O Porriño, foi aprobada tamén no último Pleno deste concello, Este proxecto supón o maior investimento en saneamento de Salceda e vai dar servizo á Zona Industrial do Cerquido, a unhas 130 vivendas dos barrios de Rubindo, O Coto, A Lomba, A Urgueira, Bouzapanda e O Cerquido e mellorar e eliminar os verquidos ó espazo protexido da Rede Natura-2000 “As Gandaras de Budiño” no Cerquido. O custo estimado destas obras ascenden a 1.276.723 €, constando de 5.852 metros de colectores e están financiadas por Augas de Galicia. Marcos Besada, Alcalde de Salceda, resaltou que “esta é unha obra importantisima para Salceda, xa que desta maneira quedará saneada a única zona industrial do Concello e que, dende hai anos, tiña varias advertencias da Confederación Hidrográfica para cancelar os vertidos que se producian ó Rio Tinto e ó Río Louro. Congratulámonos de que a Xunta lle dera para adiante a este proxecto e cumpla así unha parte dos preacordos asumidos con Salceda para por en marcha a Depuradora de Guillarei. Esperamos que nos próximos meses aproben tamén os proxectos de saneamento de Entenza e Soutelo”.

viernes, septiembre 09, 2011

Estamos nas redes sociais

Dende fai unhas semanas, abrimos un perfil no Facebook e outro no Google+. Con eles pretendemos aportar un pouco de frescura e rapidez, a hora de facervos chegar as novas que se vaian producindo no Val do Louro. Publicaremos no noso muro todo aquilo que atopemos pola rede, relacionados co Val do Louro claro, e que nos pareza interesante. Así que se queredes informarvos máis rápidamente de todo o que acontece por estas terras non tedes máis que agregarnos como amigos no Facebook ou no Google+. Isto non quere decir que deixemos de lado o blog, senón que deixaremos éste para novas de elaboración propia, ou que nos fagades chegar e que non estén publicadas na rede. Agaradamos que estes cambios axuden a dinamizar un pouco o blog, que por unha cousa ou por outra, estaba un pouco parado.