miércoles, diciembre 29, 2010

A e-moción do Porriño

Dando voltas pola internet atopeime estes días con esta páxina: http://porrinhoemocion.wordpress.com Nela críticase con humor ao goberno municipal do Porriño. Tamén hai unha foto de gran interés periodístico onde se pode ver un apretón de mans de Nelsón Santos, Alfonso Rueda, José Manuel Barros, Manuel Carrera e Gonzalo Ordóñez. ¿Por qué cousas coma esta foto, que nunha soa imaxe aclara moitos aspectos da política local, non chegan aos periódicos que si se enchen de notas de prensa dos propios concellos, que non deixan de ser meros panfletos propagandísticos?

domingo, diciembre 05, 2010

Salceda Documental

Hoxe preséntovos esta estupenda páxina con documentación gráfica, sobre todo vídeos, do pasado e presente de Salceda. Recomendo especialmente que vexades o estupendo documental sobre a historia do Carnaval do Castro Barreiro e A Feira. Salceda Documental queda engadida dende hoxe a nosa sección de ligazóns.

lunes, noviembre 01, 2010

Manifestación contra o Sergas no Porriño

O pasado sábado 30 de outubro unhas 500 persoas manifestaronse polas rúas de O Porriño para pedir ó Sergas a marcha atrás na decisión de trasladar de Salceda o Servizo de Urxencias do sábado pola mañá. A plataforma organizadora considera todo un éxito esta convocatoria, xa que a pesares da chuvia e do mal tempo, os veciños e veciñas de Salceda volveron a dercirlle que nón ó Sergas e a Consellería de Sanidade. A marcha descorreu sen incidentes dende a Praza do concello de O Porriño, pasando por Domingo Bueno, Fernández Areal e rematando diante do Centro de Saúde onde se leu un manifesto (adxunto). As asociacións convocantes manifestaron que continuarán coas reinvidicacións ata que se restitúa o servizo xa que se sinten respaldados pola maioría da veciñanza de Salceda que non admite as teóricas melloras que alega o Sergas.


martes, septiembre 28, 2010

V Serán de San Tomé en Parderrubias (Salceda)

A Asociación de  Veciños, Agrícola e Cultural, San Tomé de Parderrubias convida tódolos grupos de música tradicional a participar no serán anual.
A quinta edición desta festa tradicional, no sábado 2 de outubro, a partir das 21:30 hs,  terá lugar no Torreiro da Igrexa, espazo de actividades da parroquia salcedense de Parderrubias.
O sitio estará a resgardo de posibles inclemencias metereolóxicas xa que a organización ten previsto cubrilo cunha carpa.
Pola súa parte agasállase aos participantes no Serán con produtos da gastronomía tradicional; entre outros co bolo do pote; especialidade que na localidade se trata de recuperar, xa que se trata dun complemento alimenticio altamente consistente elaborado con fariña de millo; acompáñase de touciño e chourizo; todo elo regado con viño da zona.

3ª Exposición da Colleita e conferencia
Ao mesmo tempo, durante o sábado 2 e o domingo 3 de outubro, abrirase a “3ª Exposición da Colleita" na que veciñas e veciños da parroquia expoñen produtos, recollidos nesta época do ano, e ferramentas diversas relacionadas coas actividades agrícolas.
No domingo, ademais de continuar a exposición, pola tarde a partir das 18:00 hs. está prevista unha conferencia coa tema “Novas actividades no entorno rural”, referida ás seguintes experiencias relacionadas coa actividade agro-gandeira e a explotación de recursos forestais no monte comunal:
-"Explotación gandeira en monte comunal - experiencia en Cabeiras-Arbo",
-"Biomasa forestal, enerxía e desenvolvemento rural".

miércoles, septiembre 22, 2010

III Serán Carballeira na Picoña (Salceda)


 " Os seráns eran xuntanzas festeiras dos nosos antergos, que despois de traballar nas tarefas agrícolas reuníanse para cantar e bailar. Os actuais seráns proveñen desas xuntanzas e son organizados normalmente por asociacións culturais que pretenden recuperar os cantes e melodías tradicionais da nosa terra, así como as tradicións propias da nosa terra.
A Asociación de Veciños Carballeira no seu intento de conservar o patrimonio cultural etnográfico e musical da parroquia de Picoña, do Concello de Salceda de Caselas e en xeral de  Galicia toma a iniciativa de organizar o III Serán Carballeira.
Por todo elo propoñémonos recuperar esas manifestacións culturais. O obxectivo é que conflúan xente maior con xente nova para que os primeiros lle transmitan as súas experiencias, músicas e cantigas así como as tradicións da zona. En Picoña, así como noutras parroquias veciñas  aínda viven persoas que formaron parte daqueles seráns e que aínda tocan instrumentos como gaitas, requintos, bombos, Caixas, pandeiros ou pandeiretas ou fan da voz o mellor instrumento.
O III Serán Carballeira celebrarase no torreiro de festas de A Picoña, chamado “Adro” e a el convidarase a tódolos grupos de música tradicional que queiran asistir, así como a calquera persoa ou grupo de persoas que queiran subir ó escenario para cantar, tocar ou bailar calquera peza tradicional.
Ademais vaise organizar unha exposición de fotos antigas entre as que se destacarán aquelas que teñan un contido festivo-musical.
Esperase que se acheguen ata o Torreiro de Festas de Picoña unhas 1000 persoas procedentes de toda a provincia de Pontevedra."

martes, septiembre 21, 2010

Manifesto reclamando a devolución dos servizos médicos para Salceda

Este é o comunicado que se leu este sábado pola mañán en Salceda na manifestación contra o SERGAS:

"Bos días, veciños e veciñas de Salceda e arredores.

Primeiro de todo, darvos as grazas pola vosa presenza nesta manifestación.

A continuación aclarar que este acto foi convocado pola Plataforma en defensa dos servizos sanitarios en Salceda composta polas seguintes asociacións: Asociación de Veciños Caselas, Asociación de Veciños de San Xurxo, Asociación de Veciños Carballeira de Picoña, Asociación de Veciños Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias, Asociación de Veciños Escola da Feira e Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda.

O obxectivo desta manifestación é pedir a reposición dos servizos médicos no centro de saúde de Salceda de Caselas ós sábados pola mañá, despois do seu traslado para o PAC de O Porriño. Esta decisión foi tomada polo SERGAS con nocturnidade e aleivosía, da noite para a mañá, sen dar ningún tipo de información previa ós cidadáns. Aqueles que o 3 de xullo tiveron que asistir a urxencias atopáronse cun simple carteliño na porta que dicía que tiñan que ir ó Porriño.

Esta Plataforma, a partires de que tivo coñecemento desta decisión, levou a cabo varias actuacións:

-Notas de prensa anunciando este cambio, as consecuencias que traería e posicionamento en contra.
-Colocación dunha pancarta en frente do Centro de Saúde en contra do traslado do servizo.
-Solicitude e consecución dunha moción do Pleno do Concello de Salceda de Caselas en contra do traslado so servizo dos sábados pola mañá e solicitude ó Sergas do retroceso desta decisión.
-Presentación de dúas mil sinaturas de veciños e veciñas de Salceda en contra do cambio e instándolle ó Sergas a dar marcha atrás.
-Reunión co Xerente de Atención Primaria do Sergas, na Xerencia, na Rúa Rosalía de Castro, na que estiveron presentes un representante de cada asociación que conforman esta plataforma, o alcalde de Salceda de Caselas e un representante de cada partido político da corporación municipal. Nesta entrevista, o Xerente, Javier Caramés tentou convencer ós asistentes de que este traslado para o Porriño era o mais beneficioso para a poboación de Salceda.
-Asemblea informativa no Auditorio Municipal á que asistiron unhas 300 persoas enchendo o local. Nesta asemblea foi onde se decidiu organizar esta manifestación por maioría dos asistentes.
-E xa por último, ata o de agora, esta manifestación na que estamos todos e todas aquí presentes.

Os motivos polos que nos opoñemos a este traslado son os seguintes:

-O resultado deste traslado supón unha nova perda dun servizo básico por parte dos veciños e veciñas de Salceda de Caselas que teñen que trasladarse ó concello veciño de O Porriño para recibir asistencia sanitaria. “Hai uns anos xa se perdeu o dereito a ter urxencias en Salceda na fin de semana e agora pretenden rematar con este proceso eliminando tamén o servizo ordinario do sábado pola mañá
-A poboación máis afectada vai a ser a menos protexida: as persoas maiores, aquela xente que non dispón de vehículo propio, os nenos e nenas e en xeral toda a poboación que a partires de agora vai ter que desprazarse ó Porriño.
-Os motivos reais para este cambio son unicamente para que o persoal médico faga menos sábados e polo tanto menos horas semanais co mesmo salario. Así nolo recoñeceu o xerente de atención primaria na entrevista dicindo que a iniciativa partira deles e que hai que tratalos ben para que aprendan a utilizar novos aparatos médicos. Aclarar que para os médicos o sábado pola mañá non son guardias nin horas extras, senón que é un horario ordinario,
-A escusa de mellor dotación do centro de saúde de O Porriño non é correcta, xa que a maquinaria que ten a maiores o de Salceda (retinografía, desfibrilador ou ambulancia asistencial) non están dispoñibles os sábados pola mañán no Porriño ou xa existen en Salceda
-Por outra banda porcentualmente os médicos en Porriño van atender moita máis xente xa que aquí había un medico para 8.000 persoas e no PAC de Porriño a media por médico vai a ser de 14.000. Cando haxa tres urxencias domiciliarias quedaría o centro de saúde de Porriño igualmente sen atención médica.
-Económicamente ó Sergas vaille a supor o mesmo gasto ter aberto o Centro de Saúde de Salceda que non, xa que o mantemento sopórtao o Concello de Salceda de Caselas e ó persoal vaille ter que pagar igual.

Por todo isto instamos ó Sergas a que dea marcha atrás nesta decisión e non nos quite este servizo que viña funcionando dunha forma correcta ata o de agora.

Que non nos quiten servizos, xa que en Salceda cada día somos máis, senón mais ben ó contrario, teñennos que ofrecer máis. A sanidade é un servizo básico onde non hai que escatimar. A saúde de todos nós, non é unha broma e con ela non se xoga.

Sergas, devolución do servizo xa !!!!!!

Sergas, devolución do servizo xa !!!!!!

Sergas, devolución do servizo xa !!!!!!"

lunes, septiembre 20, 2010

Centos de persoas maniféstanse en Salceda para pedir máis servizos médicos no Centro de Saude

Centos de manifestantes, 3000 segundo a organización, xuntaronse na mañán do sábado en Salceda para protestar pola, desaparición do servizo de urxencias os sábados pola mañán no Centro de Saúde de Salceda. Os manifestantes partiron do Centro Social da Devesa, percorrendo distintas rúas do casco urbán ata chegar a Praza do Concello, onde se leu un manifesto, por parte dos membros da Plataforma Pola Defensa dos Servizos Sanitarios en Salceda,convocante da manifestación. En dito manifesto pedíase o restablecemento de dito servicio, desmontando ademáis as razóns que esgrimiu o Sergas, para a toma desta medida.

domingo, agosto 08, 2010

Ruta polos montes de San Cibrán e o Faro de Budiño

Aproveitando a ruta recentemente inaugurada dos Montes de San Cibrán, que tivemos ocasión de percorrer e que dende eiquí recomendamos aos amantes do sendeirismo, fixemos esta ruta circular con saída e chegada no merendeiro de As Conforcadas en San Xurxo. A ruta como digo aproveita o sendeiro PR-G 132 que vai dende As Conforcadas ata o Alto do Confurco pasando por San Xurxo, A Picoña e Couso. Para facer a volta aproveitamos un tramo do Sendeiro das Greas GR-58 e pasamos polo monte do Pianista en Cans e o Faro de Budiño. Este é o mapa do percorrido, pinchando na frecha verde da saída, podedes observar tamén algunhas fotos do sendeiro. Ao final deste artigo tedes un vídeo da presentación do sendeiro PR-G 132.


sábado, julio 31, 2010

4 Blogues interesantes sobre Tui

Hoxe achegámovos 4 blogues interesantes sobre Tui e arredores.

Tudensia: Novas, principalmente de caracter cultural sobre Tui e as súas xentes.

Valença / Tui Info: Novas sobre Tui e o concello veciño de Valença.

Asociación de veciños de Randufe: Blog da Asociación no que se da conta da súa actividades, incluso nun das súas últimas entradas se acusa ao alcalde de Tui de recibir unha subvención para a rehabilitación da Casa Escola e que nunca se chegou a realizar.

Intra Muros: Este é un blog de recente creación, pero moi interesante e que denuncia o estado de abandono a que esta sometida o que antes se coñecía como Zona Monumental de Tui e que agora debería chamarse simplemente zona vella.

domingo, junio 06, 2010

Inaugurada a senda do Río Caselas

Onte sábado 5 de xuño, inaugurouse en Entenza (Salceda de Caselas) unha senda que transcorre en gran parte pola beira do río Caselas. Nós tivemos a sorte de percorrela uns días antes e podo decirvos que é un paseo totalmente recomendable, especialmente agora que as augas do Caselas, baixan máis limpas ca nunca grazas a posta en marcha da depuradora de Guillarei. A ver se un día non moi lonxano podemos decir o mesmo das augas do río que da nome ao noso blog. Estas son unhas fotos que tomamos de dita senda. Tamén subimos o percorrido ao wikiloc para que ninguén se perda.




miércoles, mayo 26, 2010

Éxito do Clube Baloncesto Caselas Alevín

Para os que vivimos e sufrimos os inicios do Clube Baloncesto Caselas alá polo ano 1990, xogando a intemperie e sufrindo derrota tras derrota, que agora un dos seus equipos saboree o trunfo, énchenos de ledicia e orgullo. Iso foi o que sucedeu a pasada fin de semana onde o equipo Alevín Mixto do Clube Baloncesto Caselas xogou a final de liga perante o María Inmaculada de Vigo, ao final non poido ser o trunfo pero o subcampionato soubo a gloria, tanta que ata houbo baño na fonte da Praza do Concello. Toda a crónica do encontro e do postpartido podes vela na web do Clube Baloncesto Caselas.

sábado, mayo 15, 2010

Recendos dos Camiños

Grazas a un novo seguidor de Valdolouro, puiden descubrir este interesante blog: Recendos dos Camiños. É unha especie de caderno fotográfico dos distintos camiños e lugares do concello de Salceda de Caselas e arredores. Dende hoxe queda engadido as miñas ligazóns, para visitalo con máis asiduidade. Este blog tamén me fixo lembrar a palabra recendo ou arrecendo, unha das moitas palabras fermosas do galego e que pouco a pouco se están perdendo. Para que isto non pase, os que queremos este idioma, temos unha cita o luns 17 de maio na Alameda de Santiago.

miércoles, mayo 12, 2010

Atopado en Mos un curioso e raro cogomelo

Trátase dun cogomelo orixinario das nosas antípodas, Australia e Nova Zelanda. É unha novidade para o catálogo da Península Ibérica e da que só hai un precedente en Europa, pois só se recolectou ata o de agora en Kew, Reino Unido, segundo relata unha publicación de 1994.
O cogomelo inicialmente presenta forma de ovo, do que emerxe un pé que porta un receptáculo ramificado en forma de estrela de mar, cunha chamativa cor vermella. O centro do receptáculo está recuberto dunha masa viscosa, é a parte fértil, onde se atopan as esporas.
Todo o cogomelo desprende un cheiro noxento que ten por misión atraer os insectos que son os encargados de diseminar as esporas, ben coméndoas ou pegadas as súas patas.
O achádego de man de Oscar Requejo, membro do Grupo Micolóxico Galego, está publicado na revista italiana Micología e vegetazione mediterranea vol. XXIV, artículo realizado polo recolector e polo experto en Gasteromycetes, F.D. Calonge, tamén se pode consultar no libro recentemente publicado por este último autor: Guia de bolsillo para el buscador de setas.

domingo, mayo 02, 2010

Video do carnaval do Castro Barreiro e A Feira

Xa fai uns meses que pasou o entroido, pero estes días na canle Xankpenabellat do Youtube subiron un novo vídeo sobre o desfile de carrozas e comparsa do Castro Barreriro e A Feira no martes de entroido. Un vídeo estupendo como casí todos os desta canle que non podiamos deixalo pasar inadvertido.

sábado, abril 10, 2010

A honra de Mario Conde

Non serei eu o que se opoña a reinserción social dos delincuentes pero de ahí darlle recoñecemento público dista un mundo. Todo isto ven a conto de que a Confraría do Bo Xantar de Tui, acaba de nombrar confrade de honra a Mario Conde, ex-delincuente reinsertado na sociedade grazas a xente como os de Intereconomía TV e que agora esta confraría de Tui acaba de darlle recoñecemento publico. Dándolle voltas ao asunto so atopo unha razón de peso pola que esta confraría gastronómica tudense pode homenaxear a este persoaxe, e é que foi un peixe gordo, escurridizo coma unha anguía pero ao final acobou no caldeiro
          Nestes tempos en que todos botamos as mans a cabeza cos casos de corrupción que aparecen ata debaixo das pedras, non podemos eludir a nosa responsabilidade. Creo que os cidadáns somos responsables, por exemplo, ao non facerlles pagar electoralmente aos partidos os casos de corrupcións que poidan aparecer, casos coma os de Marbella, por poñer un exemplo lonxano e que non fira sensibilidades, onde unha persoaxe coma Jesús Gil gañaba eleccións, a pesares do noxento tufo a podrido que soltaba, non lle fan ben a sociedade. Pouco ánimo se lle vai dar a un líder político de facer limpeza nun partido se sabe que aínda que non mova un dedo non vai a ter ningún coste electoral, e máis, se sigue poñendo como candidato a ese alcalde ou presidente de comunidade con carisma, aínda que sexa corrupto, vai sacar máis votos ca un político limpo pero que pouca xente coñece, e isto é responsabilidade nosa. Por iso mesmo penso que é responsabilidade nosa non enaltecer determinadas persoaxes con exemplos de conducta que son claramente perxudiciais para esta sociedade, por moi de Tui que sexa ou por moi coñecido que sexa. Calquer traballador honrado de Tui merece moito máis esta honra. ¿Qué exemplo lle estamos ofrecendo a nosa xuventude cando lle damos honra públicá a ex-delincuentes de semellante índole?

lunes, marzo 29, 2010

Salceda xa non verte ao río Caselas

Aínda que sexa unha nova da semana pasada, creo que ten a suficiente relevancia para voltar a facerse eco dela. Como se pode ler na páxina web do concello de Salceda de Caselas, os vertidos que se facían no río Caselas a través da "depuradora municipal" pasaron a verter na macrodepuradora de Guillarei, co cal o río Caselas deixará de recibir vertidos contaminantes por parte do concello de Salceda. Agardamos que os demáis concellos do Valdolouro, se conecten axiña tamén a depuradora de Guillarei o podamos voltar a disfrutar dos bonitos entornos naturais tanto do río Caselas como do río Louro.

sábado, marzo 13, 2010

Fotos do martes de entroido en Salceda

Aínda que con un pouco de retraso, eiquí están as fotos do desfile de carrozas e comparsas dos barrios do Castro Barreiro e A Feira, o martes de entrido en Salceda de Caselas.

viernes, marzo 05, 2010

Efectos do temporal

Estamos a sufrir un dos invernos máis duros dos últimos anos, xa non lembro cantos temporais nos azoutaron, e aínda non sei se quedará algún máis.O certo e que estes fenomenos metereolóxicos adversos, para os que nos gusta a fotografía teñen o seu lado bó, xa que se poden captar imaxes pouco comúns como o Monte Aloia nevado ou o río Miño desbordado. Este último caso e o obxeto desta serie de fotografías, tomadas a pasada semana na ribeira de Caldelas. A este lugar téñolle un especial cariño xa que foron precisamente, unhas fotos sobre o desbordamento do Miño en Caldelas, a primeira galería de fotos que subín a Valdolouro.com alá polo ano 2001, cando eramos webmasters, en vez de blogueiros, as cámaras eran analóxicas e non dixitais, e tiñamos mais pelo e algo menos de bandullo.

miércoles, marzo 03, 2010

Novos vídeos do entroido de Salceda

Buscando entre a miñas suscripcións no youtube, atopei estes vídeos no canle Xankpenabellat, sobre o entroido de Salceda. O primeiro é un resumen do desfile de carroza e comparsas do domingo e o segundo e un resumén da actuación das "Caantareiras de Ardebullo" no martes de entroido no Castro Barreiro. Dende esta páxina quero felicitar ao responsable dos vídeos polo seu traballo, e espero que nos siga facendo disfrutar no futuro con novos vídeos desa boa calidade. Tamén vos recomendo a todos que fagades unha visitiña polos vídeos de dita canle, que sen dúbida merecen a pena botarlles unha ollada.

jueves, febrero 25, 2010

Fotos do domingo de entroido en Salceda

Estas son as fotos que tomamos o domingo de entroido en Salceda no desfile de carrozas e comparsas. Nos vindeiros días poñeremos as fotos do martes co desfile dos barrios do Castro Barreiro e A Feira.

Video da comparse de San Xorxe

Fai un días deixáronos un comentario, no artigo que puxemos sobre os vídeos do desfile do domingo de entroido en Salceda, decindo que non púxeramos ningún da comparsa de San Xorxe, como xa dixemos neses mesmos comentarios, non puxéramos vídeos da comparsa de San Xorxe porque non os atopamos pola rede, xa que este ano, adicámonos só as fotos e nós non fixemos vídeos. Como hoxe si que atopamos un, eiqui o traemos. Creo que é en Salvaterra, non estou moi seguro pero a comparsa si que é a de San Xorxe. Espero que con isto quede saldada a débeda.

lunes, febrero 22, 2010

Fotos do entroido de O Porriño

Hoxe traémosvos as fotos do desfile carrozas e comparsas do sábado de entroido en O Porriño. Nos vindeiros días subiremos as fotos do domingo e do martes de entroido en Salceda.

miércoles, febrero 17, 2010

Vídeos do entroido de salceda 2010

Buscando polo youtube, atopamos estes vídeos do desfile de carrozas e comparsas de entroido de Salceda. Nos vindeiros días subiremos as fotos que tomamos este ano no entroido de O Porriño e tamén no de Salceda.






viernes, febrero 12, 2010

Entroido Salceda

Comeza este ano forte o entroido de Salceda, especialmente a rivalidade entre os barrios de Castro Barreiro e A Feira. A primeira batalla estase librando en internet. Onte xoves presentávase tanto no blog da Asociación Cultural A Feira como no da peña Os de Sempre o cartel de festas para este ano, no que coma sempre hai que prestarlle especial atención as coplas satíricas do final onde non deixan títere con cabeza no barrio rival, claro está. Mentres na web do Castro Barreiro contratacaban co anuncio da actuación estelar de Mucha e Nucha para o martes de entroido. Neste caso non sei cal dos refráns acertará se quen da primeiro da dúas veces ou quen rí último rí mellor, o tempo diránolo.

lunes, febrero 08, 2010

Entroido 2010

Aínda non nos deu tempo a dixerir os turróns e xa nos atopamos inmersos no tempo de entroido. Dende este fin de semana ata o domingo día 21, que terá lugar en Tui o enterro do bacallau, a bisbarra de Valdolouro encherase de música, colorido e humor, para celebrar esta festa que é un anticipo da primavera. Este é o cartei dos actos que terán lugar en Salceda, para os vindeiros días. A información sobre o entroido de Tui poderedes atopala eiqui. A de O Porriño, se o novo goberno municipal ten a ben, poderá consultarse eiquí. Sen dúbida o entroido de O Porriño terá un atractivo especial, debido a recente moción de censura que será motivo de inspiración para moitos dos participantes. A programación do entroido de Mos, se alguén  e capaz de atopala na páxina web do concello, que teña a ben decirmo. Por certo, esta web, nos útlimos anos o único que cambiou foi o organigrama, pero se entrades nel, aínda se pode ver a Nidia Arevalo e os seus concellais coma membros do PPdeG, cando por culpa do pacto antitranfugismo, tiveron que darse de baixa do PP. Parece que a oposición tampoco entra moito nesta web, porque deste feito, non comentaron aínda nada.
Precisamente vendo vídeos do entroido da nosa bisbarra atopeime esta canle de Youtube na que se poden visionar interesantes vídeos sobre o concello de Salceda, entre o que se atopa este que poño a continuación do defile de carrozas do Castro Barreiro e A Feira do ano pasado. Sen dúbida recoméndovos que visionedes algúns dos vídeos desta canle, na que se pode facer un percorrido por distintos feitos e actividades do concello de Salceda nos ultimos meses. Noraboa ao seu responsable.

jueves, febrero 04, 2010

Mal empezamos Sr. Nelson

Fai uns días xa avisaba neste blog que o mandato de Nelson poidera ser un espello do que se reflexa na páxina web do seu partido. Os acontecementos parece que me están dando a razón as primeiras da cambio. Lendo os moitos comentarios acalorados que estes días se poden ver por internet sobre a moción de censura, decía nun deles que nunha entrevista en La Voz de Galicia o novo alcalde de O Porriño dixera que unha das medidas que iba a tomar este novo goberno era a suba dos sueldos do alcalde e concellais con adicación exclusiva, e dixen para min, non pode ser certo, seguro que é un destes comentarios partidistas sin ningún tipo de fundamento, pero decidin a consultar dito xornal e atopei esta entrevista, na que Marcelino Coto concellal de Independientes di textualmente: "No quiero hacerme rico, pero si me voy de la empresa privada tampoco puedo perder dinero. La gente creería que soy tonto o que lo voy a coger del Concello. Existe ya el compromiso de una subida del sueldo normal en O Porriño por dedicación exclusiva, que es hasta ahora de 35.000 euros anuales". Logo leo a través doutros xornais que pensan recortar o presuposto das festas do entroido e da Escola Municipal de Teatro. Así que resumindo, este podería ser o lema para os primeiros días deste novo goberno municipal, arriba os soldos, abaixo a cultura. Logo chamaranlle austeridade cultural ou, se cadra, cultura cordial.

Novo mail de contacto

Por problemas con noso servidor de correo electrónico, cambiamos o enderezo ao que podedes escribir para poñervos en contacto con nós. Lembrade que estamos abertos a todo tipo de información que non fagades chegar, cultural, social, crítica, louvanza, etc. O noso novo enderezo é: valdolouro@gmail.com. Tamén aproveitamos para darlle un pequeno cambio de imaxe ao blog, dándolle un poco máis de campo a zona das entradas. Esperamos que este pequenos cambios sexan do voso agrado. Na parte dereita do blog tedes unha enquisa para que poidades opinar disto.

domingo, enero 31, 2010

O lápiz do Sr. Melero

Non é un novo libro de Manolo Rivas, ainda que a historia daría para máis dun volumen. Cando eu ía ao colexio, os mestres non nos deixaban facer os exames e traballos importantes a lápiz, por medo a que se borrase ou puidese ser manipulado, se cadra cando o aparellador municipal de Tui estudaba, nunca lle aprenderon tal cousa, ¡bendita LOGSE! Hoxe, o periódico El Pais, publica un interesante artigo sobre as conductas do aparellador municipal de Tui que non ten desperdicio e está máis de actualidade ca nunca, con empadroamentos irregulares e traballo máis aló dos 65.

miércoles, enero 27, 2010

Moción de censura en O Porriño, reflexión rápida

A verdade é que nos últimos días hai poucas cousas que me motiven a subir algún artigo ao blog. O máis interesante que está acontecendo na nosa bisbarra é a moción de censura presentada polos partidos da dereita porriñesa e que desbancará da alcaldía ao nacionalista Raul Francés. Dela xa se falou dabondo en moitos medios, así que non vou profundizar moito máis, so vos pido que lle botedes unha ollada a paxina web de Ciudadanos x Porriño, que será o partido que gobernará O Porriño nos vindeiros meses. Por facer unha análise rápida cabe destacar que a web só está dispoñible en castelán e a última actualización é do 2 de outubro do ano pasado. Se a cara é o espello da alma, esta web pode ser reflexo do que lle agarda a O Porriño nos vindeiros meses.