martes, enero 13, 2009

O concello de Salceda pon en marcha 2 aparcadoiros públicos e de balde

O Concello de Salceda de Caselas acaba de por a disposición de tódolos veciños e veciñas de Salceda dous novos aparcadoiros públicos para o estacionamento dun total de 350 vehículos. Trátase de dous solares no centro urbán de Salceda que o goberno municipal negociou para a súa cesión temporal por parte dos propietarios. O aparcadoiro situado na Rúa Zunzunegui, moi preto da casa do Concello, consta duns 2.030 m2., nos que se poderán estacionar 300 vehículos despois de que o departamento de vías e obras acondicionara o lugar para o acceso rodado de automóbiles. O segundo aparcadoiro úbicase na Rúa Victoriano Pérez Vidal, tamén no centro de Salceda e ten unha capacidade para 40 automóbiles nunha superficie duns 250 m2 que xa está sendo utilizado polos veciños e veciñas de Salceda despois do seu axeitamento.
O alcalde, Marcos Besada, salientou o importante esforzo que se está a facer para dotar de prazas de aparcadoiro ó centro urbán, xa que se sabe que é unha preocupación da maioría dos veciños e veciñas de Salceda. “Ademais con isto tamén se pretende favorecer ó comercio local, nestas épocas de crise.”
O concelleiro de Tráfico, Martín Iglesias, quixo destacar que se sigue traballando tanto na consecución de novos aparcadoiros, como nun plan de tráfico que axilizará a circulación de vehículos polo casco urbán, ademais de crear zonas de carga e descarga, tan demandadas polos comerciantes salcedenses.

Aparcadoiro da rúa Zunzunegui


Aparcadoiro da rúa Victoriano Pérez Vidal

No hay comentarios: