A Asociación de Veciños Carballeira de Picoña, Salceda de Caselas quere por de manifesto o abandono e o desinterés que a Deputación Provincial de Pontevedra mostra con respecto ó remate das obras da estrada provincial PO-2501 que une o centro de Salceda coa parroquia de San Xurxo pasando por Picoña. As melloras nesta estrada desenvolvéronse en tres fases: a primeira entre San Xurxo e Picoña, a segunda entre Salceda e O Barreiro e a última entre O Barreiro e Picoña. Esta terceira encontrase na actualidade a medio facer e sen rematar dende hai máis de tres anos debido, según ten coñecemento esta asociación, ós problemas de cesión de terreos por parte dos propietarios. Son varios tramos os que están sen rematar, co ancho de catro metros antigo e cun firme deteriorado e irregular. Esta asociación pediu explicacións por dúas veces á Deputación Provincial, unha vía correo certificado, á cal non obtivo resposta e outra vía internet onde escuetamente o catro de xullo se contesta que está pendente do plan estratéxico para a modernización das vías provinciais de Pontevedra. Esta asociación ten constancia dun informe do enxeñeiro xefe da zona sur da Deputación que di que os tramos pendentes de mellorar coinciden cos das persoas que non cederon os terreos e que a solución pasa pola cesión dos propietarios ou que o Concello solicite á Deputación a tramitación dun expediente de expropiación. Esta asociación solicitou ó Concello que dera este paso e ten noticia que en xuño do 2008 o Concello de Salceda solicitou á Deputación que tomara as medidas oportunas para o remate das obras na citada estrada, incluso a expropiación se fora preciso.
Polo tanto a Asociación de Veciños Carballeira solicita á Deputación Provincial de Pontevedra o inmediato remate destes tramos, que na súa totalidade non supón máis de 1 Km., dado o estado de perigo que supón esta situación tanto para viandantes como para vehículos, incluídos o transporte público e escolar, xa que por exemplo, nestes lugares non pasan ó mesmo tempo un autobús e un automóbil e que s é preciso inicie o procedemento de expropiación como xa ten feito noutras estradas da provincia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario