martes, septiembre 28, 2010

V Serán de San Tomé en Parderrubias (Salceda)

A Asociación de  Veciños, Agrícola e Cultural, San Tomé de Parderrubias convida tódolos grupos de música tradicional a participar no serán anual.
A quinta edición desta festa tradicional, no sábado 2 de outubro, a partir das 21:30 hs,  terá lugar no Torreiro da Igrexa, espazo de actividades da parroquia salcedense de Parderrubias.
O sitio estará a resgardo de posibles inclemencias metereolóxicas xa que a organización ten previsto cubrilo cunha carpa.
Pola súa parte agasállase aos participantes no Serán con produtos da gastronomía tradicional; entre outros co bolo do pote; especialidade que na localidade se trata de recuperar, xa que se trata dun complemento alimenticio altamente consistente elaborado con fariña de millo; acompáñase de touciño e chourizo; todo elo regado con viño da zona.

3ª Exposición da Colleita e conferencia
Ao mesmo tempo, durante o sábado 2 e o domingo 3 de outubro, abrirase a “3ª Exposición da Colleita" na que veciñas e veciños da parroquia expoñen produtos, recollidos nesta época do ano, e ferramentas diversas relacionadas coas actividades agrícolas.
No domingo, ademais de continuar a exposición, pola tarde a partir das 18:00 hs. está prevista unha conferencia coa tema “Novas actividades no entorno rural”, referida ás seguintes experiencias relacionadas coa actividade agro-gandeira e a explotación de recursos forestais no monte comunal:
-"Explotación gandeira en monte comunal - experiencia en Cabeiras-Arbo",
-"Biomasa forestal, enerxía e desenvolvemento rural".

miércoles, septiembre 22, 2010

III Serán Carballeira na Picoña (Salceda)


 " Os seráns eran xuntanzas festeiras dos nosos antergos, que despois de traballar nas tarefas agrícolas reuníanse para cantar e bailar. Os actuais seráns proveñen desas xuntanzas e son organizados normalmente por asociacións culturais que pretenden recuperar os cantes e melodías tradicionais da nosa terra, así como as tradicións propias da nosa terra.
A Asociación de Veciños Carballeira no seu intento de conservar o patrimonio cultural etnográfico e musical da parroquia de Picoña, do Concello de Salceda de Caselas e en xeral de  Galicia toma a iniciativa de organizar o III Serán Carballeira.
Por todo elo propoñémonos recuperar esas manifestacións culturais. O obxectivo é que conflúan xente maior con xente nova para que os primeiros lle transmitan as súas experiencias, músicas e cantigas así como as tradicións da zona. En Picoña, así como noutras parroquias veciñas  aínda viven persoas que formaron parte daqueles seráns e que aínda tocan instrumentos como gaitas, requintos, bombos, Caixas, pandeiros ou pandeiretas ou fan da voz o mellor instrumento.
O III Serán Carballeira celebrarase no torreiro de festas de A Picoña, chamado “Adro” e a el convidarase a tódolos grupos de música tradicional que queiran asistir, así como a calquera persoa ou grupo de persoas que queiran subir ó escenario para cantar, tocar ou bailar calquera peza tradicional.
Ademais vaise organizar unha exposición de fotos antigas entre as que se destacarán aquelas que teñan un contido festivo-musical.
Esperase que se acheguen ata o Torreiro de Festas de Picoña unhas 1000 persoas procedentes de toda a provincia de Pontevedra."

martes, septiembre 21, 2010

Manifesto reclamando a devolución dos servizos médicos para Salceda

Este é o comunicado que se leu este sábado pola mañán en Salceda na manifestación contra o SERGAS:

"Bos días, veciños e veciñas de Salceda e arredores.

Primeiro de todo, darvos as grazas pola vosa presenza nesta manifestación.

A continuación aclarar que este acto foi convocado pola Plataforma en defensa dos servizos sanitarios en Salceda composta polas seguintes asociacións: Asociación de Veciños Caselas, Asociación de Veciños de San Xurxo, Asociación de Veciños Carballeira de Picoña, Asociación de Veciños Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias, Asociación de Veciños Escola da Feira e Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda.

O obxectivo desta manifestación é pedir a reposición dos servizos médicos no centro de saúde de Salceda de Caselas ós sábados pola mañá, despois do seu traslado para o PAC de O Porriño. Esta decisión foi tomada polo SERGAS con nocturnidade e aleivosía, da noite para a mañá, sen dar ningún tipo de información previa ós cidadáns. Aqueles que o 3 de xullo tiveron que asistir a urxencias atopáronse cun simple carteliño na porta que dicía que tiñan que ir ó Porriño.

Esta Plataforma, a partires de que tivo coñecemento desta decisión, levou a cabo varias actuacións:

-Notas de prensa anunciando este cambio, as consecuencias que traería e posicionamento en contra.
-Colocación dunha pancarta en frente do Centro de Saúde en contra do traslado do servizo.
-Solicitude e consecución dunha moción do Pleno do Concello de Salceda de Caselas en contra do traslado so servizo dos sábados pola mañá e solicitude ó Sergas do retroceso desta decisión.
-Presentación de dúas mil sinaturas de veciños e veciñas de Salceda en contra do cambio e instándolle ó Sergas a dar marcha atrás.
-Reunión co Xerente de Atención Primaria do Sergas, na Xerencia, na Rúa Rosalía de Castro, na que estiveron presentes un representante de cada asociación que conforman esta plataforma, o alcalde de Salceda de Caselas e un representante de cada partido político da corporación municipal. Nesta entrevista, o Xerente, Javier Caramés tentou convencer ós asistentes de que este traslado para o Porriño era o mais beneficioso para a poboación de Salceda.
-Asemblea informativa no Auditorio Municipal á que asistiron unhas 300 persoas enchendo o local. Nesta asemblea foi onde se decidiu organizar esta manifestación por maioría dos asistentes.
-E xa por último, ata o de agora, esta manifestación na que estamos todos e todas aquí presentes.

Os motivos polos que nos opoñemos a este traslado son os seguintes:

-O resultado deste traslado supón unha nova perda dun servizo básico por parte dos veciños e veciñas de Salceda de Caselas que teñen que trasladarse ó concello veciño de O Porriño para recibir asistencia sanitaria. “Hai uns anos xa se perdeu o dereito a ter urxencias en Salceda na fin de semana e agora pretenden rematar con este proceso eliminando tamén o servizo ordinario do sábado pola mañá
-A poboación máis afectada vai a ser a menos protexida: as persoas maiores, aquela xente que non dispón de vehículo propio, os nenos e nenas e en xeral toda a poboación que a partires de agora vai ter que desprazarse ó Porriño.
-Os motivos reais para este cambio son unicamente para que o persoal médico faga menos sábados e polo tanto menos horas semanais co mesmo salario. Así nolo recoñeceu o xerente de atención primaria na entrevista dicindo que a iniciativa partira deles e que hai que tratalos ben para que aprendan a utilizar novos aparatos médicos. Aclarar que para os médicos o sábado pola mañá non son guardias nin horas extras, senón que é un horario ordinario,
-A escusa de mellor dotación do centro de saúde de O Porriño non é correcta, xa que a maquinaria que ten a maiores o de Salceda (retinografía, desfibrilador ou ambulancia asistencial) non están dispoñibles os sábados pola mañán no Porriño ou xa existen en Salceda
-Por outra banda porcentualmente os médicos en Porriño van atender moita máis xente xa que aquí había un medico para 8.000 persoas e no PAC de Porriño a media por médico vai a ser de 14.000. Cando haxa tres urxencias domiciliarias quedaría o centro de saúde de Porriño igualmente sen atención médica.
-Económicamente ó Sergas vaille a supor o mesmo gasto ter aberto o Centro de Saúde de Salceda que non, xa que o mantemento sopórtao o Concello de Salceda de Caselas e ó persoal vaille ter que pagar igual.

Por todo isto instamos ó Sergas a que dea marcha atrás nesta decisión e non nos quite este servizo que viña funcionando dunha forma correcta ata o de agora.

Que non nos quiten servizos, xa que en Salceda cada día somos máis, senón mais ben ó contrario, teñennos que ofrecer máis. A sanidade é un servizo básico onde non hai que escatimar. A saúde de todos nós, non é unha broma e con ela non se xoga.

Sergas, devolución do servizo xa !!!!!!

Sergas, devolución do servizo xa !!!!!!

Sergas, devolución do servizo xa !!!!!!"

lunes, septiembre 20, 2010

Centos de persoas maniféstanse en Salceda para pedir máis servizos médicos no Centro de Saude

Centos de manifestantes, 3000 segundo a organización, xuntaronse na mañán do sábado en Salceda para protestar pola, desaparición do servizo de urxencias os sábados pola mañán no Centro de Saúde de Salceda. Os manifestantes partiron do Centro Social da Devesa, percorrendo distintas rúas do casco urbán ata chegar a Praza do Concello, onde se leu un manifesto, por parte dos membros da Plataforma Pola Defensa dos Servizos Sanitarios en Salceda,convocante da manifestación. En dito manifesto pedíase o restablecemento de dito servicio, desmontando ademáis as razóns que esgrimiu o Sergas, para a toma desta medida.