martes, septiembre 01, 2009

Salceda prepara 15.000 racións de callos para o vindeiro domingo

O Concello de Salceda de Caselas ven de presentar a XVII edición da Festa dos Callos, que se celebrará o vindeiro 6 de setembro. Na presentación, a demáis de Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, e Marcos Besada, alcalde de Salceda,como ven sendo habitual estiveron tamén presentes o alcalde e o concelleiro do Porriño, Raúl Francés e Marcos Rodríguez, así como representantes da firma Frigolouro.
A Concelleira de Cultura do Concello de Salceda de Caselas dixo que está a ultimar os derradeiros detalles para a Festa. Os actos comezarán na noite do sábado 5 coa celebración do III Serán dos Callos, polo que dende a Concellaría se quere convidar a todos aqueles grupos de gaiteiros, pandeireteiras e demáis que se acheguen a Salceda a participar deste serán.
O domingo 6 será o día grande, con reparto de callos dende primeiras horas da mañá, amenizando a festa a Charanga NBA da Coruña. Ás 12:00 será a lectura do Pregón, que este ano correrá a cargo do actor e humorista Carlos Blanco. O actor volverá a subirse ao escenario a partir das 7 da tarde, neste caso para presentar o seu espectáculo cómico no Auditorio Municipal. Ás 20:30 horas será o turno de Quempallou, que ofrecerá un concerto na Praza do Concello como peche a estas festas.
Tamén os comerciantes de Salceda teñen previsto saír á rúa para celebrar o seu mercadiño de oportunidades, que se ubicará no entorno da Praza do Concello e que se celebrará o sábado e o domingo.
Teresa Pérez, Concelleira de Cultura, destacou que “coa Festa dos Callos remátase o ciclo de actos do verán, tras as Festas do Cristo e o Curso Internacional de Música”. Así mesmo sinalou que “esperamos de novo unha afluencia masiva de xente, que veña non só a degustar os callos senón tamén a disfrutar da programación cultural que acompaña a festa, polo que tentaremos ofrecerlles unha ampla gama de actividades que esperamos sexan do agrado de todos e todas”.
Alejandro Alonso, xefe de cociña do equipo de Frigolouro dixo que este ano se van preparar uns 5.900 kg. de producto, o que se traduce nunhas 15.000 racións. Así mesmo, reiterou que ninguén que desexe probar os callos se vai ir sen facelo, porque están preparados para satisfacer toda a demanda que se presente.
Javier Briones, delegado do Grupo Coren, sinalou que este ano vanse estrenar unhas novas marmitas eléctricas que sustitúen ás antigas de vapor, o cal lle supuxo a Frigolouro unha inversión de 80.000 euros.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, destacou que con esta festa inaugúrase o novo curso político. Agradeceu a presenza dos compañeiros do Porriño, cos que bromeou co tema do viño, xa que Porriño segue apostando polo branco, mentres que Salceda “está nunha situación de maior madurez, polo que se pasou ao tinto”. Así mesmo, destacou o novo recinto da festa, xa que coa humanización de Dr. Zunzunegui a Praza ampliouse en máis de 1.500 metros cadrados. Por outra banda lembrou que estamos a falar de unha festa que no último ano conseguiu autofinanciarse, polo que se espera que este ano se repitan os resultados.

No hay comentarios: