jueves, noviembre 13, 2008

O Centro Dramatico Galego estrea en Tui "A boa persoa de Sezúan"

“A Boa persoa de Sezúan” é o título do espectáculo que este venres e sábado presenta o Centro Dramático Galego no Teatro Municipal de Tui. Trátase da obra escrita polo dramaturgo alemán Bertolt Brecht en 1940, pero que nesta versión do CDG é un texto totalmente actual do século XXI. Para a montaxe de “A boa persoa de Sezuán” o CDG contou co director portugués Nuno Cardoso, ao fronte dun equipo artístico galego-portugués formado por Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Machi Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres. Esta versión do CDG sitúa ao espectador nun ambiente urbano totalmente degradado, dominado polo asfalto e os omnipresentes carteis luminosos. A obra comeza coa baixada a Sezuán de tres deuses, coa esperanza de atopar persoas que sigan os seus ditados, isto é, persoas boas e xustas capaces de transformar á sociedade. A representación de “A boa persoa de Sezuán” terá lugar este venres ás 21.30h e o sábado ás 20.30h no Teatro Municipal. As entradas poranse á venda ao prezo de 9€, 7€ con desconto e 5€ para menores de 14 anos. O despacho de billetes o venres comezará ás 20h e o sábado a partir das 19h.

Promoción nos IES de Tui.
Co obxectivo de promocionar os espazos CDG o Centro Dramático Galego e a compañía Pistacatro vai facer dous pases o venres pola mañá dunha pequena función móbil de vinte minutos de duración. Está realizada a partir de fragmentos da obra Ringorrango mesturándose na mesma novo circo, ritmo, música e humor para comunicar aos estudantes que a escena é algo próximo, divertido e sorprendentes. As funcións terán lugar ás 10.25 no IES Francisco Sánchez, e ás 12.25 no IES San Paio.

No hay comentarios: