miércoles, septiembre 24, 2008

Este venres María do Ceo en Tui

Este venres comeza a programación de outono no Teatro Municipal de Tui, que ofrecerá dez espectáculos de aquí a finais de ano baixo a organización da Concellería de Cultura.
A cita deste venres é musical co concerto que ofrecerá a cantante María do Ceo, que chega Tui no programa Vai de Camiño da Consellería de Innovación e Industria ao través do Xacobeo. Este evento musical comezará ás 22.30h no Teatro Municipal. A entrada é gratuíta, debendo retirarse dende ás 21h na billeteira na propia Área Panorámica.
María do Ceo fará en Tui un percorrido musical pola súa discografía presentando amais os temas do seu último traballo “No bico un cantar”. Trátase dun disco de 17 cancións das 11 foron compostas pola propia artista baseándose en poemas de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Castor Elices, Xosé Luís Méndez Ferrín, Armando Gonzalez López e Serafín Marqués.
Pero no seu espectáculo non faltarán os fados, seguindo unha tradición que dende o berce lle transmitiu o seu pai.
Cunha sólida carreira internacional foi recoñecida e condecorada como embaixadora da cultura galega no mundo. En 2001 foi convidada para participar na primeira e gran homenaxe póstuma a Amalia Rodríguez, no Coliseo da Lisboa.
María do Ceo, cando canta transmite melancolía, dozura, paixón, tenrura, todos os ingredientes para ser unha boa interprete de fado, envolvendo ao público nun ambiente máxico.

No hay comentarios: